O Dépor quere prolongar a xeira triunfal ante o Girona
O Real Club Deportivo busca prolongar a sua histórica xeira de resultados no encontro de hoxe en Riazor ás 21 horas ante o Girona.
O Real Club Deportivo busca prolongar a sua histórica xeira de resultados no encontro de hoxe en Riazor ás 21 horas ante o Girona.
O seu oitavo triunfo consecutivo suporía para os coruñeses dicir adeus de forma practicamente definitiva á ameaza do descenso de categoría e, ao mesmo tempo, engancharse á loita pola sexta praza, que dá acceso ao play-off de ascenso.
Para conseguilo, Fernando Vázquez, que conta por vitorias os seus partidos no banco deportivista -seis de seis na competición liguira- non poderá contar co lesionado Beauvue, pero si cos indiscutíbeis Salva Ruíz e Sabín Merino, dúas pezas fundamentais para o técnico de Castrofeito que xa non mostran signos das lesións que viñan padecendo.
A maior ameaza para os intereses deportivistas ten nome e apelido: Christian Stuani. O dianteiro uruguaio é o mellor xogador dos xerundenses, acumulando 20 goles en 23 partidos, sendo incluso sondeado polo Barcelona como posíbel substituto do mancado Dembélé.
O 16 de marzo saberase se Abanca se fai co clube
O Consello de Administración do Deportivo convocou para o 16 de marzo unha Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas na que se votarán tres ampliacións de capitais que, de aprobarse, suporían que Abanca pase a controlar até o 78% dos títulos accionariais.
Entre outras, a meta do Consello presidido por Fernando Vidal, ex conselleiro con Tino Fernández, é capitalizar un crédito de 5 millóns de euros.
De saír adiante a iniciativa suporía a fin definitiva do modelo de multipropiedade que imperou no Dépor até hai poucos anos.