A PREVIA | Dépor e Rácing chegan ao derbi en Riazor coa ollada posta en mellorar a súa imaxe

Volve outra fin de semana de competición para o fútbol galego nas diferentes categorías, desta vez marcada polo feche esta sexta feira á noite do mercado de fichaxes e, no plano deportivo, polo derbi en Segunda entre Dépor e Rácing de Ferrol. Na máxima categoría, o Celta visita o feudo do Osasuna en Iruña. 
Adestramento do Dépor esta semana (Foto; RC Deportivo).
photo_camera Adestramento do Dépor esta semana (Foto; RC Deportivo).

A liga de Primeira División do fútbol profesional xogará esta fin de semana a xornada previa á primeira das catro paradas obrigadas por compromisos da selección española (ante Serbia e Suíza) polo que a competición non volverá até o 10 de setembro. Con esta certeza no calendario, o Celta  afronta o vindeiro choeque coa idea de confirmar e mellorar o seu momento de xogo. Dépor e Rácing, pola contra, non terán esta interrupción despois do derbi. Alén diso, outra singularidade desta xornada será que os equipos xa terán confirmados os seus cadros xogadores. Onte de madrugada rematou o mercado de fichaxes de verán polo que as  futuras incorporacións terán que agardar ao denominado mercado de inverno. 

Derbi na Coruña

O foco futbolístico está no derbi entre Dépor e Rácing de este domingo (Riazor, 17 horas). Tras os últimos encontros entre ambos os dous equipos en Primeira Federación, non exentos de polémica, a cita de agora atopará, unha vez máis, un estadio coruñés sen ocos nas bancadas. Neste sentido, a Federación de Peñas deportivistas culparon á directiva do Racing de limitar o acordo das entradas entre os dous clubs a 210. "É lamentábel que tomen esta decisión sabendo que non só prexudican a nosa afección, senón que deixan fóra deste partidazo a 600 dos seus seareiros", critican.  

No eido deportivo, o equipo que adestra Imanol Idiakez chega coa presión de puntuar tras dúas derrotas consecutivas no inicio da tempada. A urxencia dunha vitoria notouse nos adestramentos desta semana, coa participación onte do recentemente incorporado dianteiro Mohamed Bouldini. 

O Rácing, pola súa parte, tamén está necesitado puntuar. En dous partidos só conseguiu un empate, na primeira xornada ante o Málaga, e vén dunha derrota, tamén na casa, ante o Granada. O propio Cristóbal Parralo recoñecía que prefería non comezar a liga con dous partidos ante a súa afección e agora terá a oportunidade de sacarlle presión ao equipo. 

O Celta a polo Osasuna

En Primeira, o Celta visita ao Osasuna este domingo (El Sadar, 17 horas) tras a amarga derrota desta mesma semana ante o Vilarreal mais coa sensación, transmitida por Claudio Giráldez, do bo xogo do equipo celeste. Os galegos terán diante un equipo que vén de encaixar unha severa derrota e saír goleado ante o Girona polo que quererán lavar a imaxe ante a súa afección.

No terreo das  fichaxes, o Celta, ao feche desta edición, non descartaba aínda a saída de Tadeo Allende mais fechou as incorporacións esta quinta feira coa chegada de Marcos Alonso. Foi o terceiro reforzo do verán para o equipo celeste, tras o de Borja Iglesias e Ilaix Moriba, ambos os dous en calidade de cedidos. Desta maneira, Giráldez queda con 26 xogadores e podería incluír outro do filial. O cadro de xogadores do primeiro equipo queda definido, para esta tempada, cunha gran presenza de achegas do Celta Fortuna, unha das armas que empregou o técnico para mudar a imaxe do equipo. 

A dificultade de puntuar en Primeira Federación

Na Primeira Federación afrontan esta fin de semana a súa segunda xornada. Dos catro equipos galegos desta categoría, so puntuaron o Celta Fortuna e o Ourense CF e ambos os dous empatando os seus partidos. Ademais, houbo poucos goles (tres en total) sumando as intervencións de Celta Fortuna, Ourense CF, Arenteiro e Lugo. Isto dá unha idea das dificultades que teñen para furar a portaría contraria.

É o caso dos celestes que notaron os cambios do seu cadro de xogadores cara o primeiro equipo, unha situación que motivou, por exemplo, a incorporación como cedido de Bernard Somuah, un prometedor dianteiro ganés que chega procedente do Asante Kotoko. Os xogadores de Fredi Álvarez terán que viaxar até Irun para medirse este domingo ao Real Unión (Stadium Gal, 18 horas).

O Ourense CF, pola súa parte, recibirá ao Osasuna Promesas (O Couto, 18 horas). O equipo de Rubén Dominguez atopará un rival complicado que, cun gol en solitario, conseguiu levarse a vitoria na estrea desta categoría.

Tampouco o Arenteiro terá un partido sinxelo no seu choque este sábado ante a Cultural Leonesa (Campo Municipal Espiñedo, 18 horas). Raúl Jardiel prepara unha formación titular que dea resultados, máis diante da súa propia afección. Nas últimas horas o club asegurou a chegada como reforzo do lateral esquerdo Iano Simão Da Silva Imbeni, que viría cedido do Deportivo, mais non descarta algunha chegada de última hora.  

Por último, o Lugo recibirá ao Amorebieta esta domingo na casa (Ángel Carro, 20 horas). O seu adestrador, Lolo Escobar, asegurou onte en rolda de prensa que, malia a derrota en León, "tivemos un bo xogo" polo que cre que "o problema estivo no defensivo". Sobre o rival que dirixe Julen Guerrero, di que "é un equipo que tamén está en formación". Con todo, considera que, neste partido, "os focos teñen que estar en facer nós ben todas as fases do xogo". 

Comentarios