O Dépor tomba o líder cun gran partido

Imaxe: La Liga

O primeiro gol de Bergantiños na tempada dá a vitoria aos coruñeses fronte ao Barça (2-1) e mantén a equipa invicta desde que a adestra Pepe Mel.

O Deportivo derrotou o Barça (2-1) por primeira vez na Liga desde o 2008, conquistou tres puntos e deixou sobre o céspede unha imaxe inmellorábel, tanto en entrega como no deseño dun encontro no que os coruñeses nunha perderon a cara nin baixaron os brazos. O Dépor de Pepe Mel segue sen coñecer a derrota e carga as pilas para o derbi contra o Celta da vindeira fin de semana en Riazor.

A afección degustou unha vitoria á que contribuíu desde o primeiro minuto. O Barça non foi quen de ter un dominio ameazante no partido, nin sequera a partir do empate grazas a un gol de Luís Suárez que equilibraba o coque no marcador. Empatou o Barcelona mais quen se enchufou, aínda máis, no partido foi o Dépor, que non parou de procurar a vitoria e os 3 puntos. O Deportivo tirou 12 veces a porta, 7 delas entre os tres paus. Un pulo que propiciou a terceira derrota do Barça na Liga e que o campionato se afaste dos cataláns. A destacar tamén a actuación de Lux, que dotou os deportivistas da seguridade necesaria atrás.

Dicíao Pepe Mel antes do encontro: “O Dépor está capacitado para lle dar guerra a calquera equipo”. E demostrouno. Cun equipo con abundantes rotacións, os branquiazuis lograron que o Barcelona non se sentise cómodo en ningún momento. O Deportivo tivo claro que non ía oficiar dun PSG bis. Tesón, claridade e aposta no ataque permitiron que na recta final da primeira metade Joselu adiantase os coruñeses.

O comezo da segunda metade veu cun tanto de Luis Suárez, que empataba o partido. Mais até aí chegou o Barça. O empate espoleou un Dépor inmenso, que se foi a polos tres puntos. E conquistounos, grazas a un gol de Bergantiños que a grada festexou por todo o grande. O Barça, desarbolado, sen alma nin ideas, sucumbiu perante un Deportivo que quixo rememorar as súas tardes máis gloriosas.  

Ficha técnica 

Deportivo (2): Lux; Juanfran (Laure, min.86), Albentosa, Arribas, Navarro; Bergantiños, Borges; Gama (Kakuta, min.71), Carles Gil (Emre Çolak, min.61), Fajr; Joselu.

Barcelona (1): Ter Stegen; Mascherano, Piqué, Alba; Sergi Roberto, Busquets, André Gomes (Rakitic, min.58), Denis Suárez (Alcácer, min.77); Messi, Arda (Iniesta, min.58), Luis Suárez.

Goles: 1 - 0, min.40, Joselu. 1 - 1, min.46, Luis Suárez. 2 - 1, min.74, Bergantiños.

Áebitro: Fernández Borbalán (C. Andaluz). Amoestou Fernando Navarro (min.14) e Joselu (min.36) por parte do Dépor