O Dépor viaxa a Soria con opcións de regresar como equipo de Primeira

Dépor

O conxunto coruñés enfróntase ao Numancia o domingo ás 20:00 horas, en pleno reconto electoral, e volverá á máxima categoría se vence e non o fai o As Palmas en casa. Mesmo un empate podería valerlle mais en todo caso a vitoria faría case imposíbel que se frustrase o ascenso.

A tres puntos de repetir ascenso. En realidade son catro os que matematicamente precisa o Dépor para pechar de xeito matemático o ascenso á Primeira división do fútbol masculino estatal, mais non existe dúbida ningunha de que unha vitoria este domingo no campo do Numancia (20:00 horas) aseguraría a volta á elite do conxunto coruñés, que en todo caso sería firme se gaña e non o fai o As Palmas en casa. Mesmo unha igualada podería valerlle aos de Fernando Vázquez, dependendo doutros campos.

Restan tres xornadas e seis puntos de vantaxe ten o Dépor respecto ao terceiro clasificado. Está moi preto o seu ascenso malia que nas últimas xornadas entrase nunha especie de crise que rebaixou o ambiente de euforia que se vivía entre a afección, que viu como o seu equipo só sumaba tres dos últimos doce puntos. Porén, segue líder e nunha posición envexábel, toda unha heroicidade en vista das complicacións tanto a nivel de plantel como no institucional que sufriu a longo da tempada o equipo branquiazul, que volverá estar acompañado d@s seus fieis nas bancadas de Soria, malia as queixas d@s seareir@s sobre o horario do encontro, que dificulta o desprazamento masivo que se esperaba e tamén coincide co reconto das eleccións europeas. Aínda así, máis dun milleiros de deportivistas acudirán a cita, que será seguida con expectación na Coruña, onde o concello tomou varias medidas de seguridade para o caso de que estoupe a festa polo ascenso, o segundo en tres anos, feito de enorme complicación.

No futbolístico, Vázquez contará coa baixa de Juan Domínguez, polo que é posíbel que cambie o sistema e aposte por dous dianteiros -fixo Ifrán, Toché, Borja e Luis aspiran a ser o seu acompañante- namentres que Rabello retrasará a súa posición para exercer de medio-centro creativo. Juan Carlos tamén ten posibilidades. Na zaga, Lopo é dúbida por lesión, de non xogar entraría Marchena. Viaxan todos. É é seguro un once de garantías na busca dunha vitoria que devolva ao Dépor a Primeira.