O deporte une forzas conta a violencia machista polo 25-N
O 25 de novembro, é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pero ao longo de toda unha fin de semana deportiva que comeza hoxe mesmo o deporte galego unirá forzas até tornar nun clamor para reclamar a fin desa lacra que deixou 67 mulleres asasinadas só na Galiza entre o ano 2002 e o 2022.
A formación feminina máis potente do país na actualidade, o Pescados Rubén Burela de fútbol sala, comunicou onte que tanto as guerreiras laranxas como os seus homólogos do masculino din "non" á violencia machista, pois cren que é imprescindíbel camiñar "xuntos cara un mundo igualitario".
Outro dos equipos da Galiza na elite estatal é o Arenal Emevé de Lugo, que exhibirá o seu "apoio inquebrantábel" á difusión da loita contra a violencia no duelo que o enfrontará o sábado ás 19.45 horas no Pavillón Municipal de Lugo co FP Pro Vólei Cajasol.
Nun acto no que estiveron presentes a presidenta del club, Bibi Bouza; a capitá, Lucía Prol, e a súa compañeira Patricia Aranda; o deputado provincial de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; ou o concelleiro de Deporte e Xuventude da Cidade da Muralla, Jorge Bustos, entre outros cargos, a mandataria do Emevé puxo en valor o "compromiso" da entidade que dirixe na "loita polos dereitos da muller" e na "visibilización dun problema" que aspiran a resolve.
Unhas declaracións que referendou Lucía Prol indicando que mañá demostrarán o seu "espírito de loitadoras" deixándose a pel "por algo tan importante como é a eliminación da violencia de xénero".
Cambiando Lugo pola Coruña e o voleibol polo atletismo, as Escolas Deportivas Municipais da Cidade Herculina organizarán na sexta feira unha andaina que partirá ás 11 horas da mañá e finalizará arredor das 12 da tarde na explanada do Pazo de Riazor. Á súa conclusión terá lugar a lectura dun manifesto contra as violencias machistas que escoitarán unhas persoas asistentes que formarán un lazo humano en sinal de compromiso.