O Deportivo Abanca comeza a liga contra o FC Barcelona

O Dépor Abanca non puido (1-2) coa SD Eibar de Liga F (Foto: Dépor).
As galegas terán diante ao equipo máis difícil da máxima categoría do fútbol feminino.

As xogadoras do Dépor Abanca comezarán a liga Feminina de Primeira xogando na Coruña o vindeiro 8 de setembro contra o FC Barcelona. Anunciouno esta segunda feira a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) tras realizar o sorteo correspondente na súa sede en Madrid.

As catalás son o rival máis duro de toda a competición, un equipo que entrou na historia do fútbol feminino esta pasada tempada despois de gañar ante o Olympique de Lyon e conseguir catro títulos: Supercopa de España, Liga F, Copa da Raíña e Champions feminina.

Aínda na pretempada

Pola contra, a pretempada do Dépor Abanca está a ser irrefgular. Esta pasada fin de semana perdeu 1-2 coa SD Eibar de Liga F nun amigábel disputado na localidade cántabra de Unquera.

O equipo de Irene Ferreras está citado esta terza feira ás 8:20 horas en Abegondo (comarca da Coruña) e na cuarta continuará cos encontros amigábeis de pretempada, desta vez ante o Real Oviedo, equipo que milita en Segunda Federación.

A seguinte cita será o 24 de agosto fronte ao Valencia CF no Helmántico en Salamanca (Castela e León), con motivo da 3ª edición do Torneo Cidade de Salamanca.