Fútbol

A PREVIA | O Deportivo colide co Castellón na ida da 'Final de Campións'

Os xogadores do Dépor celebrando o triunfo sobre o céspede de Riazor. (Foto: RC Deportivo)
O partido de ida dispútase ás 21 horas desta cuarta feira en Riazor.

O Real Club Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Castellón disputan esta cuarta feira (Riazor, 21 horas) o partido de ida da 'Final de Campións', organizada pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) entre os dous mellores equipos da Primeira Federación.

Deste modo, galegos e valencianos, campións, respectivamente, do primeiro e do segundo grupo da terceira categoría, medirán forzas nunha eliminatoria programada a dobre partido no que pugnarán por un trofeo con reminiscencias ao da Europa League e tan só tres anos de traxectoria que, até o de agora, unicamente levantaron o Rácing de Santander e un Amorebieta que se impuxo na final de 2023 ao Rácing de Ferrol.

O factor diferencial neste duelo entre Dépor e Castellón, ademais do desexo de desquite branquiazul logo da súa eliminación a mans do conxunto levantino no play-off de ascenso a Segunda de 2023, nun choque marcado pola expulsión do porteiro Ian Mackay após agredir un rival, será a motivación coa que cheguen ambos os rivais, dado que o único que hai en xogo é unha (fermosa) copa e o feito de inscribir o seu nome nos libros de historia como os mellores da antiga Segunda B durante a tempada 2023/24.

Durante a rolda de prensa previa ao encontro o adestrador do Dépor, Imanol Idiakez, confesou que tivo moitas dificultades neste sentido ao longo da semana: "Non está sendo sinxelo compatibilizar a festa [en referencia ás numerosas celebracións e compromisos promocionais que afrontaron ao longo das últimas datas] coa Final de Campións".

"Todo o mundo ten un ollo nas vacacións e outro no descanso, no verán, e o outro na próxima tempada, pero a eliminatoria está aquí e debemos atopar o equilibrio", explicou o vasco, quen, non obstante, apostilou que "unha vez que o os rapaces vistan de curto e salten ao céspede, a motivación chegará".

A maiores, Idiakez foi dando pistas sobre a confección do cadro de xogadores de cara á vindeira campaña na categoría de prata, manifestando a súa seguridade en que o Deportivo conta cunha "boa base" que reforzará "cunhas cantas cousas" que o farán "aínda mellor".

Con respecto a eses reforzos, o técnico deportivista non eludiu o nome propio de Mario Soriano, futbolista propiedade do club que este ano foi peza chave nun Eibar que, salvo carambola, ficará a centímetros do ascenso directo e deberá disputar a promoción de ascenso a Primeira: "É do Dépor, e pareceríame unha moi boa nova contar cun home do seu nivel durante a próxima tempada".

O verán promete moitos movementos no Celta

Movendo o foco á Primeira División, o director de fútbol do único representante da Galiza, Marco Garcés, compareceu esta terza feira ante os medios de comunicación para facer un balance da 2023/24 que vén de baixar o pano e, paralelamente, para anticipar algúns dos movementos en forma de fichaxes para a 2024/25.

O mexicano agarda un mercado "activo" no que haberá "moitas saídas", pois a súa aposta pola canteira esixe facer oco para, canto menos, "cinco canteiráns que estean dentro da dinámica do primeiro equipo", xa sexa con ficha do Celta 'A' ou do Fortuna.

Nesta liña, Garcés deu por feita a saída do mediocentro peruano Renato Tapia, quen remata contrato o 30 de xuño, e recoñeceu buscar xente apta para o "fútbol de salón" que tanto gusta en Vigo.