O Deportivo volve polo camiño da crise e perde outro partido en Riazor

O conxunto coruñés asinou de novo un mal partido ante o Xetafe (1-2) e regresan as críticas ante as evidentes limitacións dun equipo que se mergulla nos postos baixos da táboa.

 

Lafita, ex-xogador do Dépor, foi o pesadelo que devolveu ao equipo coruñés aos seus peores momentos da tempada e deixou a sensación de que o triunfo ante o Valencia foi un espellismo, que os branquiazuis están condenados a sufrir todo o curso a non ser que dean un cambio de rumbo moi radical, que pasa por non volver á mediocridade amosada ante o Xetafe, que gañou de xeito merecido (1-2) en Riazor.

Primeiro Yoda, logo Lafita, foron os goleadores do conxunto madrileño, que se mostrou moi superior a un Dépor no que o experimento de Víctor Fernández de xogar sen un dianteiro puro non funcionou, o conxunto en ningún momento foi capaz de ser superior aos visitantes, nin se amosou fluído no seu xogo en ataque. Só un arrouto de orgullo nos minutos finais provocou que Postiga recortara distancias, pero xa era tarde. E, a espera de que se dispute o resto da xornada, semella claro que o Dépor segue no fondo da táboa, que non sae da crise, que ten mala pinta.