París 2024 | Piragüismo

Primeira medalla para o piragüismo galego: Diego Domínguez, bronce no C2 500

Joan Antoni Moreno e Diego Domínguez, no C2 500 masculino. (Foto: AFP7 / Europa Press)
O padexeiro madrileño con licenza galega e afincado no Grove Diego Domínguez conseguiu o bronce xunto ao balear Joan Antoni Moreno no C2 500.

Primeira final e primeira medalla para o piragüismo galego na mañá de infarto que temos por diante esta quinta feira. O padexeiro madrileño con licenza galega e afincado no Grove Diego Domínguez conseguiu o bronce xunto ao balear Joan Antoni Moreno no C2 500 nunha regata moi axustada que non se decidiu até os metros finais e na que a parella botou os restos para coarse no podio.

Non chegaban en absoluto como favoritos e, de feito, hai tres meses nin sequera contaban con estar nestes Xogos, os primeiros para eles dous. Gañaron o billete en maio no preolímpico de Szeged (Hungría), onde sorprenderon cun meritorio segundo posto que melloraba o cuarto no que quedaron os andaluces Tano García e Pablo Martínez, que lograran o billete a París ao se proclamaren un ano antes campións mundiais nesta modalidade e chegaban como favoritos.

E esta quinta feira Domínguez e Moreno tiraron máis unha vez de épica para coarse no podio. Comezaron a mañá clasificándose á gran final como cuartos na súa semifinal —tamén co cuarto mellor tempo de ambas as series— e deixando fóra aos franceses Adrien Bart e Loic Leonard por apenas sete décimas.

Correndo pola rúa un, na final tiveron que enfrontarse a dous medallistas olímpicos en Toquio como o chinés Liu Hao, que acabou colgando hoxe o ouro xunto ao seu compatriota Bowen Ji, ou o brasileiro Isaquias Queiroz, quen desta volta, xunto a Jacky Jamael Nascimento, acabou cruzando último a meta.

E non tiveron o mellor arranque nunha regata especialmente igualada —a excepción dos chineses, que se puxeron cedo en cabeza—, pasando cuartos no segmento dos 250 metros. Pero unha vez en París querían seguir soñando e nos últimos metros apretaron os dentes para facer o sprint das súas vidas e acabar entrando como terceiros. A prata foi para os italianos Carlo Tacchini e Gabriele Casadei.

Iso si, houbo que botar man de photo finish para determinar a composición do podio, pois menos de oito décimas acabaron separando os segundos dos sétimos, os irmáns polacos Martin e Petr Jr. Fuksa, fillos doutra lenda do piragüismo do seu país, Martin Fuksa. De feito, Domínguez e Moreno celebraron o que xa crían que era un bronce aínda que nada máis cruzaren a organización deullo a Hungría. Pero após a revisión confirmouse a boa nova e a euforia apoderouse deles.