París 2024 | Atletismo

Ana Peleteiro, clasificada para a gran final de triplo salto cun só intento

O Stade de France, esta sexta feira. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Sigue en 'Nós Diario' o minuto a minuto da rolda clasificatoria de triplo salto feminino desde o Stade de France de París.

Oportunidade de ouro, nunca mellor dito, a deste sábado para a ribeirá Ana Peleteiro nunha final de triplo salto na que non estarán nin a vixente campioa olímpica, a venezolana Yulimar Rojas, nin a saltadora que levou a prata en Toquio 2020, a portuguesa Patricia Mamona, ambas ausentes por lesión. Mais antes terá que gañarse unha praza nesa gran final na rolda clasificatoria desta sexta feira. Peleteiro chega a estes Xogos como a actual campioa de Europa e despois de gañar o bronce olímpico hai tres anos.

Primeiro salto e... en cabeza Ana Peleteiro! A atleta de Ribeira estréase en París cunha marca de 14.36 que lle deu o billete directo á final e a colocou segunda no seu grupo da rolda clasificatoria, o B, só superada pola xamaicana Shanieka Ricketts (14.47), unha das grandes rivais a bater. Como unha súper estrela, a galega dirixiuse ao público do Stade de France batendo os brazos para pedirlles o seu apoio, e conseguiuno. Puxo en pé todo o sector da bancada máis próxima ao lugar no que decorren as probas de triplo salto.

O mellor tempo das dúas series na primeira tentativa, na que poucas atletas superaron o limiar dos 14 metros, marcouno a xamaicana Ricketts, seguida da estadounidense Jasimne Moore (14.43), a cubana Liadagmis Povea (14.39) e a propia Peleteiro. Estas catro saltadoras son as primeiras clasificadas á gran final deste sábado.

Con todo, na terceira e última tanda púxose en cabeza a cubana Leyanis Pérez Hernández, outro dos 'ósos' da competición. Fixo un nulo na primeira tentativa, non pasou de 14.29 na segunda... e voou até o 14.68 na terceira. Peleteiro marchou do Stade de France, pois, coa quinta mellor marca.

A francesa Ilionis Guillaume tivo a 'nota de corte': 14.05, o peor rexistro das doce atletas que conseguiron clasificarse para a final polas medallas deste sábado, que comezará ás 20.20 horas.