París 2024

EN DIRECTO | París inaugura os Xogos da XXXIII Olimpíada cunha innovadora cerimonia no río Sena

O río Sena, preparado para recibir as e os atletas. (Foto: Y. C. M.)
85 embarcacións desfilan coas mellores deportistas do mundo polas augas do río que atravesa a capital francesa para dar inicio aos Xogos Olímpicos de 2024.

Como cantaba Queen, The Show Must Go On. Na tarde desta sexta feira comezaron formalmente os Xogos da trixésimo terceira Olimpíada. As augas do río Sena acolleron a cerimonia de apertura máis innovadora da historia do olimpismo, pois no canto de se realizar o tradicional desfile de atletas dentro do Stade de France, como cabía esperar, a organización de París 2024 optou por romper co estabelecido e preparar unha particular procesión surcando seis quilómetros do río parisino de leste a oeste e rematando no Parque dos Campións de Trocadéro, onde se completaron os habituais ritos olímpicos.

Un total de 85 embarcacións nas que navegaron uns 6.000 atletas de 205 comités olímpicos diferentes. Houbo importantes ausencias, como moitos dos equipos de fútbol -caso da selección española feminina da galega Teresa Abelleira- que, curiosamente, non pisarán a capital francesa ao longo da competición, pois xogarán en estadios situados noutras cidades do país. Mención aparte merecen as surfistas, desprazadas até a illa oceánica de Tahití -pertencente á Francia de ultramar-.

Nas pantallas xigantes instaladas ao longo do Sena presentan o presidente de Francia, Emmanuel Macron, e o do COI, Thomas Bach, cuxo saúdo ante o público dá comezo á cerimonia. O primeiro barco en partir, como marca a tradición, é o das e dos atletas de Grecia. Acto seguido sae o do equipo das e dos refuxiados, que é recibido entre aplausos. A continuación, o resto de comités olímpicos desfilan por orde alfabética. Un músico acompaña co seu acordeón a saída das embarcacións desde a ponte.

E após Bahrein chega unha das primeiras sorpresas da noite: actuación musical de Lady Gaga, que xa entraba nas quinielas. Soa agora La vie en rose proseguir co desfile da man de Bangladesh. A choiva non auga a festa das miles de persoas que gozan do evento desde as dúas beiras do Sena e moitas das súas pontes.

E despois de presentar o equipo da China chega a segunda actuación musical. Desfila a embarcación do Comité Olímpico Español, que ten como abandeirados un balear, Marcus Cooper, e unha galega, a campioa olímpica Támara Echegoyen.

O dioivo parece non deter a gran festa do deporte mundial, que continúa entre a música e a recepción ás e os mellores atletas, se ben moitas persoas, tanto público como xornalistas, empezan a evacuar o recinto, totalmente descuberto. E chegan as críticas á organización por optar por este desfile.

Non faltou durante o acto a homenaxe a Alice Milliat, a muller (francesa) que logrou a inclusión do deporte feminino nos Xogos. Homenaxes tamén para Paulette Nardal, Jeanne Barret, Christine de Pizan, Louise Michel, Alice Guy e Simone Veil mentres soa A Marsellesa de fondo e o público enmudece.

[EN AMPLIACIÓN]