Duro castigo para o Celta en Sevilla (4-0)

Os celestes reciben unha goleada no Sánchez Pijuán embora gozar de oportunidades de gol. Superar a eliminatoria, misión case imposíbel.

O celtismo leva no ADN estas cousas. Emocionarse, soñar e entón levar un deses golpes que tomban a un de costas. O 'vello' celtismo abonábase entón, ante esas derrotas que tomban un soño, ao pesimismo, á auto-crítica destrutiva e a certa melancolía que pouco tiña de romántica e moito de parálise. Mais iso era o 'vello' celtismo. O 'novo' celtismo semella que prefire non baixar os brazos. Iso semella, polo menos, dando unha mirada rápida ás redes sociais após o duro castigo que o Celta levou no Sánchez Pijuán, onde caeu derrotado nas semi-finais da Copa do rei por 4-0. Toda unha goleada. Mensaxes de ánimo á equipa, de apoio entre a familia celeste, e encomenadas a protagonizar en Balaídos unha 'remontada' porque “imposssible is nothing', como dicía o famoso anuncio.

O certo é que o Celta teno complicado, ben complicado. Caeu en Sevilla perante un equipo que marcou pouco antes do descanso e despois, co contra-ataque como arma, bateu na portería galega en 3 ocasións. O Celta tivo as súas oportunidades, con disparo ao pao incluído. E nunca baixou os brazos. O equipo de Berizzo non coñece o conservadurismo e en ningún momento deixou de procurar a portería rival. Mais recibir 2 goles en 3 minutos fai difícil responder. O Celta, iso si, sigueuno intentando até o final. Non foi de abondo.

A vindeira cita do Celta é este domingo, Na casa. Contra o Sevilla. Boa oportunidade para ir collendo folgos e notas de cara a preparar a remontada. “Quen dixo medo?”, preguntaban os mariñeiros da Arousa antes de saír ao mar con temporal. E en Arousa está a maior peña do Celta. Pois iso, Remontada? “Quen dixo medo?”

Ficha técnica:

Sevilla FC: Rico, Trémoulinas, Kolo, Rami, Coke, N'Zonzi, Cristóforo (Carriço, min.70), Krohn-Dehli, Banega (Konoplyanka, min.73), Vitolo e Gameiro (Llorente, min.78)

Celta: Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja, Wass (Marcelo Díaz, min.83), Pablo Hernández, Orellana, Iago Aspas e Guidetti (Beauvue, min.77).

Goles: 1-0, min.44: Ramí; 2-0, min. 59: Gameiro; 3-0, min.62: Gameiro; 4-0, min.87: Krohn-Dehli.

Árbitro: Clos Gómez, do comité aragonés. Amonestou Iago Aspas, Sergi Gómez, Llorente, Ramí, Koke, Wass, Krohn-Dehli, Radoja.