París 2024 | Vela

Echegoyen gaña a última regata mais despídese dos que previsibelmente serán os seus últimos Xogos

A regatista Tamara Echegoyen. (Foto: Europa Press)
A tardía reacción da galega e a balear impide que se clasifiquen á 'Medal Race'.

Rematou a participación nestes Xogos Olímpicos da ourensá Támara Echegoyen, previsibelmente os derradeiros para a medalla de ouro en Londres 2012, e a balear Paula Barceló, compañeiras de embarcación no 49er FX de vela. Uns Xogos nos que foron de menos a máis e nos que, de seguiren con esta progresión e haber aínda máis regatas por disputarse, acabarían sen dúbida entrando na loita polas medallas. Mais non puido ser.

O mal arranque de Echegoyen e Barceló e a súa tardía reacción converteu en simbólico o seu triunfo na derradeira regata da fase clasificatoria, decorrida na tarde desta cuarta feira —tivo que aprazarse unhas horas polas condicións climáticas— na cidade portuaria de Marsella, pois concluíron décimo terceiras na xeral e só as dez primeiras acceden á 'Medal Race' na que se distribúen os metais.

E ao igual que ao longo de toda esta cita olímpica, esta cuarta feira as regatistas non comezaron demasiado ben, cun décimo sétimo na primeira carreira do día, ascenso até o undécimo na segunda... e gañadoras da terceira e última.

Con estes resultados conclúen a súa participación en París —ou, para sermos precisos no seu caso concreto, Marsella— na décimo terceira posición, a dez puntos netos das estadounidenses Stephanie Roble e Maggie Shea, as últimas en conseguir o billete á regata polas medallas.