París 2024 | Boxeo

Enmanuel Reyes vence ao chinés Han e avanza con paso firme cara ás medallas

Enmanuel Reyes venceu o chinés Xuezhen Han. (Foto: RTVE)
O boxeador demostrou a súa superioridade nos tres asaltos e resultou vencedor nunha decisión, con todo, dividida do xurado.

Non comezou tan ben como podería a xornada para o deporte galego este domingo, pois o judoka David García Torné, catalán de orixe pero con licenza galego, foi eliminado nos oitavos de final da categoría de -66 kg masculina polo kazako Gusman Kyrgyzbayev por waza-ari, non poden así reeditar os éxitos da xornada anterior con Laura Martínez e Fran Garrigós.

Pasadas as 12 horas chegou a quenda do boxeo co cubano-coruñés Enmanuel Reyes Pla (92 kg), que soubo imporse ao seu primeiro rival na carreira cara as medallas, o chinés Xuezhen Han. Empezou acelerado Han, intentando levar a iniciativa nos primeiros compases, mais Reyes soubo defenderse cun bo traballo de pés e esquivando os golpes do seu rival.

A partir do segundo asalto, porén, o galego pasou máis claramente á ofensiva para demostrar por que é un dos favoritos ao título e unha das principais opcións da Galiza de subir ao podio nestes Xogos Olímpicos. Nunha modalidade do boxeo na que é estraño ver vitorias por KO e, por tanto, a inmensa maioría dependen do criterio dos xuíces; o mesmo que apartou Reyes da medalla en Toquio nun polémico combate.

"Dálles e que non che dean". Así resumía o boxeador o seu estilo nunha recente entrevista con Nós Diario, e así o fixo. Enmanuel Reyes demostrou a súa clara superioridade fronte a Han nos tres asaltos e acabou por certificar o pase a cuartos de final, asegurando así o diploma olímpico, por decisión dividida do xurado.

Dous dos xuíces viron Reyes vencedor nos tres asaltos, mentres outros dous cren que só se impuxo en dous e un deles, o alxerino Sid Ali Mokretari, deu como gañador o boxeador chinés no primeiro e o segundo asalto.