Entrevista | París 2024

Rodrigo Conde, o remeiro que renunciou a uns Xogos para volver máis forte: "Non vía o dano que me facía até que pensei en deixalo"

Á esquerda, o moañés Rodrigo Conde; á dereita, o seu compañeiro no dobre scull, o catalán Aleix García. (Foto: Aina Prats)
O remeiro Rodrigo Conde (Moaña, 1997) renunciou aos Xogos Olímpicos de Toquio polas dificultades, físicas e psicolóxicas, para manter o peso requirido para competir no dobre scull lixeiro. Agora terá unha nova oportunidade en París, onde chega co aval dunha prata no Europeo deste ano en Szeged (Hungría) e un bronce na Copa do Mundo de Lucerna (Suíza), agora loitando na categoría absoluta da man do catalán Aleix García.

—Cada vez queda menos para París, estes días será difícil pensar noutra cousa...
Estamos agora mesmo nunha burbulla. Xa levamos todo o ano, pero este último mes aínda máis. O tempo que non estamos adestrando estamos bastante cansos e esperando xa a seguinte sesión. É o que toca, apertar agora as torcas o máximo que se poida.

—Serán os seus primeiros Xogos a pesar de que tiña o billete para competir no dobre scull lixeiro en Toquio, pero decidiu renunciar por motivos de saúde. Non debeu ser unha decisión sinxela pero, vendo onde está agora, parece que si a correcta.
Si, por suposto. Non teño dúbida de que foi unhas das mellores decisións que tomei en toda a miña vida, cambiar de categoría para poder desfrutar do deporte, do día a día. E os resultados falaron por si sos durante estes tres anos.

—No deporte de elite sempre se busca levar o corpo ao límite e parece que só importan os resultados. Cre que non se fala o suficiente de saúde, física e mental?
Desde fóra, ao final, o deporte é o que é, un espectáculo. E desde fóra tampouco teñen por que saberse estas cousas. Pero si é certo que todo isto é importante, sobre todo para a xente nova, para os máis xoves que están empezando no deporte. Teñen que saber o que hai, o difícil que é, e sobre todo como saír desta situación se lles ocorre nun futuro.

No deporte de elite non buscamos a saúde, senón a máxima expresión de rendemento, e dentro diso o tema psicolóxico, a presión, todo ao que esta exposto a un deportista de alto nivel.... son cousas que poden pasar. É importante falalo con naturalidade, sobre todo para as novas xeracións, que teñan claro o complicado que é isto.

O remo non é só un deporte para min, é unha forma de vida, unha filosofía

—Non se lle pasou pola cabeza nese momento deixar o remo? Ou, polo menos, ao máis alto nivel.
Cando tomei definitivamente a decisión de deixar o dobre scull lixeiro foi cando me dei conta de que se seguía por ese camiño, se facía o que fose por ir aos Xogos, acabaría deixando o remo, porque estaba totalmente queimado e aburrido. Aí parei, pensei un pouco e dixen, "non vou deixar o que é a miña vida desde que teño oito anos por uns Xogos Olímpicos". Quero dicir, o remo non é só un deporte para min, é unha forma de vida, unha filosofía. É o que me inculcou o 90% dos valores que teño hoxe en día, da persoa que son, e naquel momento vino claro.

—A súa paixón estábase volvendo algo negativo.
Levaba xa un tempo así. Sinceramente, pensaba que era unha etapa, pero non vía o dano que me estaba facendo esa categoría até que pensei en deixar o que é a miña vida, o que me sigue apaixonando facer. Nada vale a pena, nin uns Xogos, se teño que deixalo despois.

—É importante coñecer os límites de cadaquén.
Claro. Nós estamos todos os días poñendo o corpo ao límite fisicamente, o remo é un deporte moi sacrificado nese sentido. Sempre buscas ir o máis rápido posíbel, como no atletismo. É estar todos os días rompendo barreiras de dor, de sufrimento, de cada día apertarse un poquiño máis, ir unha décima máis rápido, e iso ao final pasa factura. Pero se consegues enfocalo como nós o estamos facendo agora, non tes por que pasalo mal a nivel psicolóxico. É mais, eu estou desfrutando como nunca. Todo o adestramento está sendo durísimo, vou todo o día arrastrado [ri], pero estamos desfrutando moitísimo do que facemos, e iso é importante.

—Vostede soubo enfocalo moi ben e aí están os resultados: só un ano despois de cambiar o lixeiro polo absoluto, subcampión do mundo con Aleix García.
Aí foi exactamente cando me convencín de que a decisión fora acertada, sen dúbida ningunha. No lixeiro nunca conseguira subir ao podio, e no primeiro ano de absoluto xa conseguimos a prata no Mundial, só superados polos anteriores campións olímpicos.

En París vaise ver un dobre scull moito máis forte que nas anteriores dúas regatas; hai rivais moi competitivos

—E este ano chegan os dous aos Xogos nun moi bo momento de forma, cunha prata no Europeo de Szeged (Hungría) e un bronce na Copa do Mundo de Lucerna (Suíza).
Enfocamos moi ben o ano. Aínda non chegamos ao noso máximo rendemento nin de lonxe. Nestes Xogos vaise ver un dobre scull moito máis forte que nas anteriores dúas regatas; hai rivais moi, moi competitivos. Estamos todos moi perto e teremos que chegar ao noso máximo nivel, pero estou convencido que se seguimos coa liña que levamos, ímolo facer moi ben.

—O obxectivo en París é o ouro?
Temos claro que é complicado, hai un equipo que até agora foi superior a nós en todas as regatas, hai que dicilo; Holanda sempre tiña unha marcha máis que nós. E despois o resto estamos moi perto, hai cinco ou seis países cun nivel bastante parecido, polo que, como dicía antes, temos que chegar no noso punto máximo de rendemento para estar pelexando arriba.

—Ao deixar o lixeiro polo absoluto vostede pasou de ser dos máis corpulentos a xusto o contrario. Como pode influír isto na regata?
Depende de moitos factores. Das condicións meteorolóxicas, das cualidades de cada un... pero sempre penso que o tamaño non é importante no deporte, podes competir tendo outras cualidades que os que son máis grandes non teñen. Si é certo que somos os máis pequenos de lonxe, estamos competindo contra xente de 100 quilos e 2 metros, e Aleix e eu andamos no 1,80 escaso.

O remo é un deporte de pancas, sempre teñen un pouquiño de vantaxe nese sentido, pero non é nada que nos dea medo, por dicilo así, porque sabemos que cando estamos no noso pico de forma somos máis competitivos. Da igual o tamaño dos rivais ou como de preparados estean, nós confiamos na nosa preparación, no que levamos feito esta tempada, e imos convencidos de que podemos con todos.

Sempre me dicían que estudase, que disto non se pode vivir; dou as grazas a aquel cativo que non se rendeu

—Leva no remo desde os oito anos, parece que tiña clara xa desde moi cativo a súa vocación.
A verdade é que nunca imaxinei poder vivir disto ao nivel que vivo. Cando empecei de cativo era unha distracción, para pasalo ben. E xa a familia, os profesores... dicíanme o típico de que disto non se pode vivir, "estuda, tes que sacar unha carreira como todo o mundo, isto non che vai dar cartos no futuro". E agora vivo marabillosamente disto, do que máis me gusta, polo que dou as grazas a aquel cativo que non se rendeu, que seguiu apertando até o final.

—Ese cativo pensaba que algún día competiría nuns Xogos Olímpicos?
Naquel momento penso que aínda non sabía nin sequera que existían os Xogos Olímpicos. Foi cando empecei a competir, na Sociedade Deportiva Tirán, empezoume a picar a curiosidade sobre a competición. Cando empezas no remo, non o fas por competir, senón por ir cos amigos a pasalo ben. Pero, pouquiño a pouco, conseguiron meterme ese 'veleno' da competitividade.

A verdade é que, desde cativo, sempre fun moi competitivo. Non me gustaba perder nin ás canicas [ri]. Iso sempre me marcou na miña carreira, podo ir o triple de canso que o rival que levo ao lado, pero eu non vou soltar. Non me gusta perder.