FÚTBOL

As equipas galegas buscan manterse invictos na segunda xornada

Ponferradina-Lugo

O Celta visita o Betis, o Dépor debuta en casa ante o Córdoba e o Lugo viaxa a Barcelona. Tamén comeza a Liga en Segunda B, con maior presenza galega, e na Terceira, con Pontevedra e Fabril de favoritos.

Dispútase esta fin de semana a segunda xornada da Liga de fútbol estatal en Primeira e Segunda división. Na anterior, ningún dos tres representantes galegos coñeceu a derrota, obxectivo que loxicamente queren manter na presente malia a dificultade, especialmente nos partidos como visitantes.

En Primeira, o Celta viaxa ao campo do Betis, onde xogará o domingo á inexplicábel hora das 23.00 horas, por imposición televisiva. Os locais chegarán máis cansos logo de disputar encontro europeo entre semana, mais pasan por un bo momento mentres que o Celta, que acadou a importante fichaxe do defensa vasco Aurtenetxe, espera manter a esperanzadora liña marcada durante a primeira hora da súa estrea ante o Espanyol (2-2).

En Segunda, o Dépor abre o curso como local nun Riazor que espera arredor de 25.000 persoas co Córdoba como adversario, co ex-dianteiro coruñés Xisco como referente. Nos branquiazuis (onde a Administración Concursal está a poñer moitos impedimentos á composición do plantel -tal e como denunciou Fernando Vázquez-) foron convocados once xogadores que pasaron pola canteira. Entre eles, Luis e Insua repetirán como titulares. O encontro é o sábado ás 19.00.

Esta fin de semana dá comezo a Liga galega por excelencia, o Grupo I da Terceira. Parten como favoritos o histórico Pontevedra e o Fabril

O Lugo sairá ao céspede do Mini Estadi dúas horas despois para medirse ao sempre temíbel Barcelona B, que precisamente será a equipa dunha das grandes promesas do fútbol galego, o vigués Denís Suárez, fichado do Manchester City por unhas enormes cantidades que poden ir desde o fixo de 1,8 millóns de euros até os oito, segundo obxectivos. Os lugueses esperan manter a seguridade defensiva amosada no primeiro partido e atopar a senda do gol que se lles escapou fronte ao Numancia.

Ademais, comeza a Liga en Segunda B, con maior participación galega, xa que a Coruxo e Ourense se lles unen Racing, Compos e Celta B. Os dous primeiros apostan polo bloque e a continuidade sen perder de vista as alturas da clasificación. Pola súa parte, os ferroláns presentan un plantel de categoría con aspiracións a todo grazas a figuras como as de Iago Iglesias, Pablo Rey ou Manu Barreiro. Nomes de alto nivel tamén aparecen no renacido Compos -é o caso de Joselu- mentres que o filial celtista confía na base do xuvenil que foi subcampión estatal, con Mina como estrela.

Así mesmo, arrinca esta fin de semana a Liga galega por excelencia, o Grupo I da Terceira. Parten como favoritos o histórico Pontevedra e o Fabril, que quedou a un paso do ascenso a tempada pasada. Despois dos coruñeses asoman con forza conxuntos como o Cerceda, o Vilalbés e tamén un Arousa que non renuncia a nada no seu regreso á categoría.