Entrevista

Erika Abilleira, loitadora: "Sei que o Muay thai non me vai dar de comer"

O respecto ás tradicións é lei nesta arte marcial tailandesa. (Foto: Nós Diario).
O Muay thai é unha arte marcial que comezou a ser coñecida por estas latitudes a partir da popularización a finais dos anos 80 de películas de acción como 'Bloodsport', pese a que as súas orixes remóntanse á Tailandia do século XIII. Alí, entre mestres e mestras locias, vén de brillar a pontevedresa Erika Abilleira (2004).

—Como foi a súa primeira toma de contacto co Muay thai e por que acabou optando por practicalo a alto nivel de entre toda a vasta oferta deportiva existente na actualidade?
Foi de casualidade (ri). Tiña 15 anos, e unha compañeira que o estaba practicando como actividade extraescolar comentoume de acudir a un seminario que ofrecía Yohanna Alonso, unha campioa de Muay thai. Gustoume e cambiei o taekwondo, que é o que practicaba, para comezar a adestrar con Tori Garrido, que é o mestre co que sigo agora, cinco anos despois. 

—Como explicaría o que é o Muay thai  para unha persoa que non estea familiarizada con esa disciplina de contacto de orixe tailandesa?
O habitual é dicir que é como o kickboxing pero usando tamén xeonllos e cóbados, e onde podes tamén agarrar, pero é moito máis que iso, é algo moi diferente a outras disciplinas debido ao transfondo da súa cultura e as tradicións que ten detrás.

—Esa comparación que traza co kickboxing é razoábel porque vostede mesma o practica a alto nivel.
Si, porque en Muay thai hai moi pouquiña xente polo momento aquí na Galiza, aínda que é unha disciplina que está medrando. Por iso é moi complicado atopar pelexas, hai que irse a outras disciplinas e tratar de adaptarse ao que é o kickboxing.

—O cal non impediu que, a pesar de todos eses obstáculos, chegase a acadar éxitos incluso a nivel internacional. Como foi ese acelerado proceso para converterse en campioa?
Tras catro anos adestrando comecei a competir, aínda que custou bastante atopar xente no meu peso, porque hai poucas mulleres. Así que debutei o ano pasado no Campionato Galego e levei o ouro para a casa. 

Despois, participei noutros torneos e gañeinos case todos, e en maio de 2023 convocáronme para ir ao Campionato de España e fun prata. Entón, o meu mestre díxome que quería levarme a Tailandia para adestrar e competir, aprendendo da xente de alí, e en marzo por fin puiden facelo.

—No país asiático, a Meca do seu deporte, proclamouse campioa no Mundial organizado pola Association Institute of Thai Martial Arts (AITMA) e a International Muaythai Federation Aitma (IMTF), derrotando na categoría PRO AM -onde non se usan proteccións- á loitadora local PrakraiDow Sor Samakki. Que nos pode contar desa aventura tailandesa?
Era a primeira vez que pelexaba no estranxeiro e, claro, impón un pouco de respecto. Ademais, en Tailandia viven diso desde pequenas, é o deporte nacional, pero unha vez que adestrei con elas no ximnasio vin que eran marabillosas, como unha familia, déronme unha gran acollida. 

Con respecto ao torneo, descubrín nese momento que ía pelexar sen proteccións, algo que non fixera nunca, así que de repente estaba ante unha pelexa profesional, sen tempo para asimilalo, pero sentinme moi ben.

—Cales son as súas próximas metas no Muay thai?
Polo de agora seguir na mesma liña, porque o Muay thai, como adoito dicir, non me vai dar de comer. Estou traballando lonxe da casa, polo que se me complicou o tema dos adestramentos e desprazarme para competir. Pero o Campionato de España está aí ao lado e a intención e ir a por todas e gañar o ouro.

—Na Federación Internacional de Muay thai soñan con chegar a ser deporte olímpico nos Xogos de 2032. Imaxínase alí?
Sei que esa é a intención. Estaría moi ben poder ir, pero tería que dar o salto definitivo ao profesionalismo, e de aquí a alá quen sabe o que pasará (ri).

Rexeita, de momento, un salto ás MMA

O Muay thai é empregado por multitude de loitadoras como unha plataforma para dar o salto ás Artes Marciais Mixtas ou MMA, onde a repercusión mediática e os beneficios económicos son moi superiores. Non obstante, Erika Abilleira descarta, polo de agora, dar ese salto: "É certo que as MMA teñen máis visibilidade e apoio que nós hoxe en día, pero a min non me gustan porque son demasiado agresivas e lesivas".

Cuestionada, a de Pontevedra afonda na súa argumentación sinalando que no Muay thai "hai certos límites e un respecto para o rival, do que queremos ser amigos tanto antes como despois do combate, pero nas MMA semellan dous cans que van a matarse o un ao outro". "O Muay thai, ademais da parte competitiva, ten unha serie de cerimonias, de tradicións que o complementan, non só está enfocado á pelexa", conclúe.