A espada de Damocles pende sobre Borja

De non vencer este sábado, o abulense Borja Jiménez ten serias opcións de engrosar a longa lista de adestradores cesados polo Dépor. (Foto: RC Deportivo).
No mundo do fútbol só quedan dúas verdades universais logo de que se desmentise aquela frase de Gari Lineker na que o inglés definíao como "un deporte de 11 contra 11 onde sempre gaña Alemaña": que a pelota é redonda e que cando as cousas veñen mal dadas, o elo sempre rompe do lado do adestrador.

José Luis Oltra, Domingos Paciência, Fernando Vázquez -en dúas etapas diferentes-, Víctor Fernández, Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano, Pepe Mel, Cristóbal Parralo, Clarence Seedorf, Natxo González, José Luís Martí, Juan Antonio Anquela, Luís César Sampedro, Rubén de la Barrera e Borja Jiménez. 15 nomes que ocuparon o banco deportivista nos últimos 10 anos. 

Esta cifra contribúe decisivamente a situar o club coruñés como o décimo segundo que máis veces cambiou de adestrador na historia da Liga (32), moi por diante doutros galegos como o Celta (vixésimo terceiro con 26, 10 na década pasada) ou o Lugo, a pesar de que desde a chegada de Tino Saqués á presidencia en 2015 o conxunto albivermello tornou nunha máquina de triturar preparadores e xa suma 13 no escaso período de oito anos.

Gañar... ou gañar

Borja Jiménez sabe que o seu nome está na diana da afección, e posibelmente no dunha directiva que podería tomar medidas xa non de repetirse o vergoñento papel ante o Badaxoz da pasada fin de semana, senón de non ser quen de conseguir a vitoria o sábado contra unha Cultural Leonesa que transita na zona media-baixa da táboa (décimo terceiro posto) e á que gañou 2-3 a mediados de decembro, pouco antes do inicio do desastre no que está inmerso o Dépor desde que comezou o mes de febreiro.

Porque desde entón só sumou cinco puntos de 21 posíbeis, marcando tres goles e recibindo oito, unhas cifras impropias dun club absolutamente obrigado a conseguir o ascenso de categoría dadas as súas particulares circunstancias sociais e económicas, pois un terceiro ano consecutivo na categoría de bronce podería chegar a resultar insostíbel para unha entidade que perdeu 11 millóns de euros só na campaña 2020/21.

A Galiza, posíbel sede do 'play-off' da Primeira RFEF

A día de hoxe, os tres equipos galegos -Deportivo da Coruña, Celta de Vigo B e Rácing de Ferrol- que militan na terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira RFEF, ocupan postos de play-off, o que significa que terían que disputar unha fase de promoción se queren facerse cunha praza na Segunda División.

Prevista para desenvolverse entre os días 8 e 12 do mes de xuño, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) aínda debe determinar a súa sede, mais a Galiza ten moitos papeis para ser a escollida logo de que a súa homóloga galega oficializase a súa candidatura. 

O formato deste play-off será o dunha eliminatoria directa na que se retarán os segundos, terceiros, cuartos e quintos clasificados en ambos os grupos que conforman a Primeira RFEF. Na rolda inicial enfrontaranse os quintos contra os segundos e os terceiros contra os cuartos nuns choques que terán prórrogas, pero non penaltis. De finalizar en empate tras os 120 minutos, avanzará ao chanzo decisivo o mellor na fase regular. Nas finalísimas ascenderán ambos os vencedores.