Euforia rebaixada nas fronteiras: gañaron Xixón e Ponferrada ante Lugo e Dépor

Partido do Lugo.

Derrota alarmante dos coruñeses en Riazor ante a Ponferrada (0-3) que abre fendas no paraíso que vivía o deportivismo. O Lugo perde postos coa promoción de ascenso ao caer ante o Sporting (2-0). As arelas de ascenso inmediato e de mirar á promoción de ascenso terán que agardar. Na próxima xornada: apaixoante derbi no Anxo Carro.

O fútbol muda de pel cada semana e diso vive. Sábeno ben Deportivo e Lugo, os dous equipos galegos da Segunda división do fútbol estatal masculino que caeron neste xornada xusto cando pensaban en cotas maiores, en grandes éxitos. Golpe de realidade a poucos quilómetros de casa.

 

A euforia polo ascenso converteuse nun pesadelo en Riazor, onde un Dépor descoñecido completou o peor partido da tempada ante a Ponferradina de Claudio Barragán, ben organizada, dura e letal ante un conxunto herculino relaxado, xa mergullado na celebración dun ascenso ao que aínda lle quedan semanas, malia que o club branquiazul conserve o liderado con amplitude.

 

Mal na defensa, inactivo en ataque, nin sequera as paradas de Lux puideron rescatar a un Dépor que perdeu a súa fiabilidade en casa ante un dos que era peor visitante. Os tres goles de Berrocal, Yuri, e Laure en propia meta crearon discordia en Riazor; algúns apuntaron a Fernando Vázquez, obxectivo fácil, clásico de certos sectores. Non. Foi unha cuestión de actitude no céspede. O Dépor non xogou. Si Yuri, o ex do Pontevedra.

 

No Molinón, o Lugo resistiu durante moitos minutos, pero caeu ante o Sporting, moito máis poderoso. Marcaron Scepovic e Isa, que non o celebrou por respecto e cariño. Os de Setién poden afastarse dos soños, ou non, queda Liga. Duras derrotas. Que converten en aínda máis excitante o derbi amigo da vindeira semana, no Anxo Carro. Lugo-Dépor.