Fernando de la Fuente Arias, talento e arte do mellor xadrecista coruñés
Este sábado 21 de outubro vaise realizar na Coruña a cuarta edición do Memorial Fernando De la Fuente, organizado polo Clube de Xadrez Alexandre Bóveda. Un torneo cun formato de partidas rápidas (5min + 2sg) dedicado á figura do seu xogador máis ilustre, Fernando De la Fuente Arias, considerado por moitos o xogador de xadrez con máis talento que deu a cidade da Coruña ao longo da historia.
Fernando de la Fuente Arias (1954-2013) conseguiu unha grande cantidade de títulos a nivel individual nos Campionatos Provinciais e Galegos. A maior parte deles conquistados nos anos 70 e 80. Mesmo chegou a ser nomeado "Mellor xuvenil de España" no ano 1973.
Campión universitario de Santiago mentres cursaba estudos de Químicas no ano 1974 e Campión por equipos de Galiza en 1989, representou a nosa comunidade en distintos torneos por toda a península.
Malia acadar grandes éxitos a nivel individual, foi a competición por equipos a que máis desfrutou nos derradeiros anos da súa vida. Membro do Clube de Xadrez Alexandre Bóveda dende 1998, acadaría o seu Ranking ELO internacional máis alto na tempada 2008-2009, con 2.273 puntos. Anos importantes para Fernando, xa que formaba parte dun equipo con opcións reais a alzarse cos primeiros postos da División de Honra da Liga de Clubes Galega.
"O seu estilo de xogo era o de un loitador. Non importaba a cor, brancas ou negras, Fernando xogaba sempre para gañar. O que sentaba enfrente así o sentía", di del Xosé Larrosa, mestre FIDE e compañeiro de equipo de Fernando por máis de dúas décadas.
Un xogador extraordinario e irrepetible que acadou a inmortalidade grazas á beleza das súas partidas.
Curiosidade: Fernando De la Fuente cultivou outra paixón ao longo da súa vida, se cadra máis forte que a que sentía polo propio xadrez, o cine. Unha paixón que o levou a colaborar en varias longametraxes galegas dos anos 90, especialmente en A metade da vida (Raúl Veiga, 1994) da que foi productor executivo.
A seguir reproducimos unha das partidas de Fernando de la Fuente, disputada contra Xosé Larrosa. Os comentarios son do propio Xosé Larrosa e de Iván Fernández, ambos amigos de Fernando e xogadores do Alexandre Bóveda.
Fernando De la Fuente - Xosé Larrosa (1-0)
Defensa India de Dama
A Coruña. 1979
Comentarios Xosé Larrosa
1.Cf3, d5 2.d4, Cf6 3.Ag5, e6 4.e3, Ae7 5.Cbd2, Cbd7 6.Ad3, c5 7.c3, b6 8. 0-0, Ab7 Apertura sen moitas pretensións, algo habitual no xogo de Fernando. Non era un gran coñecedor teórico das aperturas. O seu xogo era moi lóxico, harmonioso e cunha grande forza posicional. Comprendía de maneira intuitiva este tipo de posicións. 9.Db1, (Interesante. Tamén era posíbel 9.a4). 9..., a5 10.Te1, 0-0 11.h3, h6 12.Af4, Ta7 A idea é pasar a dama a a8 e intensificar o control sobre e4 ao mesmo tempo que a torre colabora na defensa da segunda liña. 13.Ce5 Ubicando o cabalo nunha casa ideal.
O seu xogo era moi lóxico, harmonioso e cunha grande forza posicional." Xosé Larrosa.
Partida de 1979 en A Coruña.
Fernando De la Fuente - Xosé Larrosa
1 - 0