París 2024 | Piragüismo

Bronce para o K4 500 de Rodrigo Germade e Carlos Arévalo

Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Marcus Cooper e Rodrigo Germade, no K4 500 masculino. (Foto: AFP7 / Europa Press)
Saíron moi fortes e a pesar do axustado que estivo o final conseguiron un bronce moi pelexado.

Atrasouse catro minutos o inicio da regata polas medallas do K4 500 dos galegos Rodrigo Germade e Carlos Arévalo —que completan o cuarteto habitual nesta modalidade con Marcus Cooper e Saúl Craviotto— por unha saída en falso, mais iso non impediu que acabasen subindo de novo ao podio. Saíron moi fortes e a pesar do axustado que estivo o final conseguiron un bronce moi pelexando. Lideraron boa parte da regata e escaparon o ouro e a prata nos metros finais en favor de Alemaña e Australia, respectivamente, pero cun último esforzo conseguiron reter o bronce.

Ao rematar a regata parecían un tanto insatisfeitos co resultado por non ser capaces de loitar por máis neste último treito da canle de augas tranquilas de Vaires-sur-Marne, pero o certo é, tal e como salientaron na zona mixta após a regata, que australianos e alemáns marcaron un ritmo especialmente forte e eles, ante todo, foron quen de resistilo. Un bronce que pode parecer pouco tendo en conta as altas expectativas que había sobre todo vendo o papel que fixeron nas roldas previas, pero que non o é en absoluto e suma un novo éxito ao palmarés histórico do piragüismo galego —e aos seus persoais—.

Na semifinal coa que se estrearon esta mañá melloraron o seu tempo da fase preliminar e cruzaron a meta superando o novo récord olímpico que fixara Alemaña nesa primeira regata da terza feira... pero foron terceiros porque tamén Serbia e Australia, nova plusmarquista dos Xogos nesta proba (1:19.22), pulverizaron o crono. O dos australianos era un aviso a navegantes que se converteu na final nunha sorprendente prata.

Saíron moi fortes Germade, Arévalo, Craviotto e Cooper, marcando un alto ritmo que só Alemaña e Australia puideron resistir e cruzando o primeiro segmento dos 250 metros nunha primeira posición, iso si, moi axustada con esas dúas embarcacións rivais. Pero os alemáns —ouro en Toquio—, fieis ao seu estilo, tiñan un cartucho gardado para os metros finais. Pisaron o acelerador para adiantar o caiac dos galegos... e acompañáronos os australianos, que a falta de poucos metros tamén os superaron.