A galega Marta Domínguez repite título de campioa estatal de squash
As instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro recibiron as finais do Campionato de España absoluto de squash, nas que se proclamaron gañadoras a galega Marta Domínguez, na categoría feminina, e o catalán Iker Pajares na masculina.
Este torneo xuntou en Ames as 60 mellores xogadoras e xogadores do Estado desde a pasada sexta feira, 9 de febreiro, e até o día de onte, competindo nas catro pistas das que dispón o Squash Club Santiago do Milladoiro, en Ames.
O primeiro que se dirimiu foi a fase previa, da que saíron oito competidoras que se enfrontaron ás oito cabezas de serie. Partían como favoritos Iker Pajares, na categoría masculina, e Marta Domínguez, na modalidade feminina, e ambos fixeron bos os prognósticos e gañaron un novo título estatal absoluto.
Deste modo, Marta Domínguez conseguía o seu segundo ouro consecutivo no Campionato de España logo de vencer na final por 3-0 á arxentina Pilar Etchechoury. Previamente, impúxose a Montse Fajardo e Icía Rivero, tamén por 3 a 0 en ambos os partidos. Ademais, o podio completouno outra deportista do país, a propia Rivero, que subiu ao terceiro posto do caixón.
Entre os homes, o catalán Iker Pajares logrou concluír na primeira posición e sumar así o seu terceiro Estatal após derrotar o seu compatriota Bernat Jaume por 3-1, completando así un exitoso percorrido no que logrou deixar no camiño a Pablo Quintana (3-0) e Robertino Pezzota (3-1), quen volveu perder no choque polo terceiro posto fronte Iván Pérez.
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, asistiron ás finais da proba, destacando o primeiro a "beleza" dun deporte que, recordou, pasará a ser olímpico a partir dos Xogos dos Ánxeles do ano 2028.