Galiza, de novo invicta no fútbol

O Dépor finalizará o ano 2021 como líder da categoría de bronce logo de superar o Valladolid B por 3-0. (Foto: RC Deportivo).
As escuadras galegas apuran a recta final da competición ligueira antes da parada de Nadal do mellor modo posíbel. Así, Celta e Lugo sumaron senllos empates ante Mallorca e Tenerife, respectivamente, mentres que na Primeira RFEF tanto o Rácing de Ferrol como o Deportivo e o filial celeste gañaron con comodidade.

O ano futbolístico está a piques de rematar, pois só queda unha xornada ligueira antes do tradicional descanso da competición. Unha tempada máis, a Liga de Fútbol Profesional (LFP) renunciará a importar o concepto británico de disputar un considerábel número de encontros nas datas de Nadal ante a considerábel resistencia de futbolistas e membros dos corpos técnicos.

Na que foi a penúltima xornada de competición, os equipos galegos asinaron unha actuación máis que notábel, especialmente os tres representantes do país na terceira categoría, a Primeira RFEF.

Alí, o Deportivo da Coruña volveu gañar tres partidos despois, nesta ocasión ante o filial do Real Valladolid por un contundente 3-0. A pesar dos goles, non foi un partido visualmente espectacular, porén, o importante son os puntos, e os coruñeses aseguráronse con este resultado comer as uvas como líderes, pois beneficiáronse do enfrontamento entre o segundo e o terceiro clasificado, Rácing de Santander e Raio Maxadahonda, que se saldou con vitoria do conxunto cántabro por 3-2, que se sitúa así a catro da escuadra branquiazul.

Outro Rácing, neste caso o de Ferrol, tamén se impuxo por 3-0, nun deses choques que se di que valen dobre, pois ante un rival directo para conseguir entrar na fase de ascenso como é o Real Unión de Irún exhibiu a súa mellor versión e colócase tan só a un punto duns postos de play-off que, precisamente, fechan os irundarras.

Finalmente, o Celta B completou o pleno de triunfos cun 2-0 que o coloca noveno, aínda que empatado a puntos cos Diaños Verdes, polo que o soño do ascenso está máis vivo que nunca.

O Andorra de Piqué, novo obstáculo copeiro do Celta

E se os rapaces do filial soñan con subir, os futbolistas do primeiro equipo celeste fan o propio cunha Copa da que disputan a segunda fase esta terza feira ás 19 horas ante o Andorra de Gerard Piqué.

O preparador olívico, Eduardo Coudet, aproveitará para dar descanso aos xogadores que sobreviviron ao vendaval que padeceron en Mallorca, de onde volveron cun meritorio punto (0-0). Iso significa que os canteiráns, así como homes menos habituais nos esquemas do Chacho, como Rubén Blanco, Okay ou Galhardo, terán unha nova oportunidade para reivindicarse.