ciclismo

A Galiza, protagonista na Vuelta con catro etapas

Carlos Canal, agora no Movistar, será protagonista galego no certame. (Foto: EE).
A carreira chegará ao país na súa segunda semana.

Tic, tac. Falta tan só un día para que este sábado dea comezo oficialmente a LXXIX edición da Vuelta Ciclista a España, a terceira carreira en estrada máis importante do calendario internacional, só por detrás do Tour de Francia e o Giro de Italia.

O percorrido deste 2024 -que, unha vez máis, consta de 21 etapas- supón o regreso da proba á Galiza logo de tres anos de ausencia, concretamente desde que en 2021, coincidindo co Xacobeo, rematase cunha contra o reloxo coa praza do Obradoiro como escenario de excepción, onde o esloveno Primož Roglič -quen en 2023 engadiu o Giro de Italia ao seu palmarés- gañou a súa terceira Vuelta a España consecutiva e última até a actualidade.

Nesta ocasión serán até catro as tiradas que decorrerán por territorio galego, o que unido ás que se disputan en territorios fronteirizos -tres en Portugal e cinco entre Asturias, León e o Bierzo- permitirán a afección ao deporte das dúas rodas no país escoller entre múltiples opcións para seguir ao vivo o espectáculo da Serpe Multicor.

Deste modo, a Vuelta chegará a Galiza o 26 de agosto, e máis concretamente a Vigo, onde o pelotón gozará do primeiro día de descanso logo de trasladarse en bloque desde Granada, comezando a acción propiamente dita xa o 27, terza feira, cando os ciclistas deberán percorrer os 160 quilómetros que separan Ponteareas e Baiona nun sube e baixa constante -ascensión ao Alto de Mougás, de primeira categoría, incluída- que non lles dará nin un minuto de tregua.

A seguinte xornada terá a saída e a meta instalada no mesmo punto: o Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón. Con tres portos de segunda categoría repartidos ao longo dos seus 166,5 quilómetros, en palabras do lendario Fernando Escartín -subcampión en 1997 e 1998- "nese contexto rompepernas, unha subida corta pero moi dura a 10 quilómetros da meta será chave para decidir o gañador final".

Para o 29 fica a terceira e penúltima etapa galega, entre a cidade de Ourense e a estación de montaña de Manzaneda, na que semella unha oportunidade de ouro para que os máis valentes saquen petróleo do sinuoso percorrido pola Ribeira Sacra.

E, finalmente, a carreira di adeus á Galiza o 30 de agosto desde Lugo e cunha ascensión inédita ao Porto de Ancares pola súa vertente leonesa.