Javier Gómez Noya anuncia a súa retirada

Javier Gómez Noya
O triatleta despídese do deporte profesional despois de 26 anos de competición ao máis alto nivel.

O triatleta galego Javier Gómez Noya, pentacampeón do mundo de tríatlon e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, anunciou esta cuarta feira a súa retirada como deportista profesional.

"Despois de 26 anos de tríatlon de carreiras quero facerlles saber a todos que me retiro como atleta profesional ao final desta tempada", escribe o deportista na súa conta de Instagram

Gómez Noya, de 41 anos, é un dos deportistas máis destacados da Galiza e do tríatlon mundial. Foi o número 1 da clasificación da ITU (World Triathlon) durante nove anos seguidos entre 2007 e 2016, un período no que tamén conquistou cinco campionatos mundiais. Foi medalla de ouro en 2008, 2010, 2013, 2014 e 2015, mais xuntou un total de 11 metais en citas mundialistas.

"Aínda que nunca é unha decisión fácil, sei que é o correcto. Amo o noso deporte e encántame adestrar todos os días, pero o meu corpo estivo loitando para lidar coa cantidade de carga que se require para ser competitivo ao máis alto nivel. O meu corpo foi empuxado aos seus límites durante moitos anos e tiven unha carreira que nin nos meus soños máis tolos podería imaxinar pero creo que é hora de dar un paso atrás. Seguirei facendo este incríbel deporte pero cun pouco menos de intensidade e estrés".

As mostras de agradecemento desde que Gómez Noya fixo oficial a súa despedida son de ida e volta. Entre profesionais e afeccionados ao deporte de alta competición e ao tríatlon en particular.