EUROCOPA

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'A'

'Die Mansschaft' acumula fracaso tras fracaso desde hai 10 anos.
Alemaña quere volver ser invencíbel ante a súa xente, mentres que Escocia, Suíza e Hungría pugnarán polo segundo posto ou por ser un dos catro mellores terceiros.

O pasado 7 de xaneiro de 2024 perdía a vida Franz Beckenbauer, un dos 10 mellores futbolistas de todos os tempos e o único, xunto co brasileiro Mario 'Lobo' Zagallo e o francés Didier Deschamps, en levantar a Copa do Mundo como xogador e como seleccionador, xesta que completou no ano 1990.

Eufórico, despois de derrotar a Arxentina de Maradona declarou que "a Alemaña unificada será invencíbel".

A anfitrioa, Alemaña, e a única nación sen Estado do torneo, Escocia, disputarán o partido inaugural o 14 de xuño ás 21 horas

E, durante un cuarto de século parecía que non ía por mal camiño, pois Die Mannschaft conquistou a Eurocopa de 1996 e o Mundial de 2014. Porén, desde entón, hai xa 10 anos, o combinado teutón acumula fracaso tras fracaso nas grandes competicións, un escenario co que está disposto a rachar nunha Euro 2024 que disputa como local e na que colgará definitivamente as botas un Toni Kroos que, tras tres anos apartado do fútbol de seleccións, decidiu regresar para un último baile cos Neuer, Müller, Rüdiger e compañía.

Con Alemaña como clara favorita ao primeiro posto, máis incógnitas xera quen podería ocupar a segunda posición, premio ao que optan Escocia -a única nación sen Estado que participa no torneo-, Hungría e Suíza.

Escocia non superou nunca a primeira fase da competición continental

Esta última, comandada unha vez máis polos incombustíbeis Xhaka e Shaqiri, non o terá nada fácil para volver alcanzar os cuartos de final aos que chegou en 2021, unha rolda que os maxiares poderosos levan sen alcanzar desde 1972. Non obstante, e dependendo do rendemento que ofreza un Dominik Szoboszlai ao que fía toda a súa sorte, Hungría conta con opcións de superar a primeira fase, algo que Escocia non logrou nunca en toda a súa historia, pero que, tendo en conta que clasifican a oitavos todos os segundos e os catro mellores terceiros, ten ao seu alcance.

HORARIOS DO GRUPO 'A'

Alemaña-Escocia: 14 de xuño ás 21 horas

Hungría-Suíza: 15 de xuño ás 15 horas

Alemaña-Hungría: 19 de xuño ás 18 horas

Escocia-Suíza: 19 de xuño ás 21 horas

Suíza-Alemaña: 23 de xuño ás 21 horas

Escocia-Hungría: 23 de xuño ás 21 horas