O hino nacional non soará íntegro no regreso da irmandiña
A Federación Galega de Fútbol informou en conversa con Sermos Galiza que o hino nacional galego non será interpretado ao completo, excepto novidades de última hora, debido a que "é demasiado tempo para ter a futbolistas profesionais parados".
O hino galego non se interpretará ao completo nos momentos previos ao partido da Irmandiña fronte a Venezuela. Dende a Federación Galega de Fútbol aluden á extensión do hino, de perto de tres minutos, como xustificación para que non soen as catro estrofas d'Os Pinos.
Fogar de breogán será o último verso que retumbe en Riazor, con case total seguridade, ao igual que ocorreu tanto na ida como na volta do #onosoderbi, no feudo coruñés e en Balaídos. Por tanto, o hino será amputado e non se cantará o verso en que se alude a Galiza como nazón de Breogán.
Nos partidos da anterior etapa da selección galega o hino fora reproducido na súa totalidade
Este feito contrasta co protocolo levado a cabo nos partidos da anterior etapa da selección galega, disputados no ano 2006 e 2007, nos que o hino foi interpretado íntegro e sen cortes, cunha duración de tres minutos exactos. A versión que levamos ouvindo durante esta tempada nos terreos de xogo de fútbol profesional esquécese da segunda metade da peza, para rematar nun minuto e corenta segundos. A xustificación baséase na ralentización do salto ao terreo de xogo dos futbolistas e na suposta longa duración que podería demorar demasiado o ritmo da presentación do evento deportivo, sempre segundo a visión da Federación Galega.
Interpretación
Rosa Cedrón, ex vocalista de Luar na Lubre, será a encargada de interpretar o hino nacional galego na previa do encontro entre Galiza e Venezuela. A interpretación en directo será a nota positiva xunto cunha exhibición de futbol gaélico que oferecerán as seleccións feminina e masculina durante o descanso do encontro.
Cortes no Básquet Coruña-Breogán
O hino nacional tamén soou nos intres previos á disputa do derbi entre os dous equipos na fase de ascenso. Voltou ser a versión acurtada da peza a escollida para encabezar este outro evento. Un hino de dúas estrofas e de un minuto e corenta segundos de duración, rematado no verso fogar de Breogán. Mais no segundo partido da fase, disputado n'A Coruña, este último verso tamén fora omitido, co consecuente malestar e polémica entre os seareiros. Neste caso o corte, moito máis abrupto, foi atribuído pola entidade coruñesa á Federación Española de Baloncesto.