O ex do Celta Hugo Mallo, culpábel de abuso sexual á muller que vestía o traxe da mascota do Espanyol

O ex futbolista do Celta Hugo Mallo. (Foto: AFP7 / Europa Press)
A xustiza determina unha indemnización por dano moral de 1.000 euros máis xuros.

O maxistrado titular do Xulgado do Penal número 19 de Barcelona, Salvador Roig Tejedor, declarou culpábel Hugo Mallo dun delito de abuso sexual contra a persoa que traballaba como mascota do Espanyol en abril de 2019.

Os feitos xulgados tiveron lugar antes do inicio do partido entre o equipo catalán e o Celta de Vigo no RCDE Stadium de Cornellà-El Prat, cando o entón capitán do conxunto celeste aproveitou o saúdo previo entre xogadores para tocarlle os peitos á persoa que vestía o traxe de 'periquita', mascota do Espanyol, uns feitos que o futbolista negou de forma recorrente.

Multa sen arrepentimento

Segundo avanzou o diario AS, tras o xuízo oral decorrido o pasado 11 de xullo en Barcelona, o xuíz decretou unha indemnización por dano moral de 1.000 euros máis xuros, como resultas do pago de dez euros diarios durante 20 meses, ao non existir arrepentimento por parte do agresor.

O xuíz considera probados os feitos. "No momento de realizar os saúdos tanto aos compoñentes do equipo contrario como ás dúas persoas que caracterizan as mascotas do Espanyol, sendo estas un periquito e unha periquita, ao chegar á altura de 'Ana’' disfrazada esta de periquita, o acusado, coa intención de satisfacer o seu ánimo libidinoso e de menoscabar a indemnidade sexual da mesma, meteulle as mans por baixo do disfrace e tocoulle os peitos, véndose obrigada 'Ana' a retroceder e apartar ao acusado coa man dereita", expón a sentenza recollida por AS.

Contradición grave

A denuncia contra Hugo mallo produciuse tan só un día despois do partido entre o Espanyol e o Celta de Vigo, o 25 de abril de 2019. No seu momento, e segundo relata o diario deportivo, Mallo, "aceptou declarar para defender a súa inocencia" en xullo daquel mesmo ano. Entón negou a comisión de ningún delito. Asegurou saudar con normalidade tanto aos futbolistas do Espanyol como ás súas mascotas e afirmou descoñecer o seu xénero.

O ex xogador do Celta referiuse na súa declaración aos vídeos da previa do partido, que se emitía en directo por televisión, onde non se apreciaba ningún movemento anómalo pola súa parte, expuxo ante o tribunal. Porén, a xustiza determinou que os vídeos demostran que "si existiu tocamento na zona do peito da vítima", para concluír entre outros aspectos que Mallo incorreu nunha "contradición" de "carácter grave" no seu relato dos feitos.