Un insistente Lugo remonta e salva un punto ante un Dépor botado atrás

CD Lugo

Dous tantos de Rennella asinan o empate (2-2) dun vibrante Lugo ante un Dépor que pecou de conservadurismo e desperdiciou dous tantos de vantaxe nunha segunda metade en que acumulou defensas e chegou a xogar sen dianteiros. Polémica arbitral e gran ambiente no Anxo Carro, con 4.000 deportivistas nas bancadas.

A nova festa do fútbol galego foi correspondida sobre o céspede, onde Lugo e Dépor volveron a empatar -nesta ocasión a dous tantos- nun encontro emocionante que se ben achega aos coruñeses un pouco máis ao ascenso deixa moito mellor sabor de boca na afección local, cuxo equipo aproveitou o exceso conformista dos coruñeses cando gañaban por dous tantos de diferenza e non se rendeu até obter o empate, mesmo dispor nos últimos minutos de ocasións para gañar.

Sae mal parado do partido Fernando Vázquez. O adestrador dos branquiazuis amosou a súa faciana máis conservadora, que o levou a acumular defensas e mesmo xogar sen dianteiro na segunda parte, botando os seus homes atrás, o que axudou a un Lugo entusiasta, que nunca perde o seu gusto polo balón e que tivo en Rennella ao goleador, por dúas veces, xa antes un magnífico Lux evitara máis tantos dun Lugo que perfectamente puido sumar os tres puntos.

Renuncia ao xogo

O mellor do Dépor viuse na primeira parte. Amosou nese tempo a súa seriedade defensiva e acertou arriba, chegando ao intermedio cun claro 0-2 que desperdiciou nunha segunda metade que non merecían os 4.000 afeccionad@s que acompañaron ao equipo. Ifrán, no minuto 9, e Insua, cun gran testarazo a piques de se chegar ao descanso, puxeron o partido de cara para os branquiazuis. Logo chegaría unha incomprensíbel renuncia ao xogo que pagou co partido, que non fuxiu da polémica, xa que puido haber fóra de xogo de Lopo no tanto de Insua e tamén falta de Rennella a Juan Domínguez no que supuxo a igualada final dun encontro que reuniu a 8.000 persoas no Anxo Carro e provocou un ambiente festivo por toda a cidade.

Con este resultado, o Dépor queda con mala cara pero mantén un bo colchón de puntos para ascender, ilusión que non perden tampouco os de Setién.