Entrevista

Javi Gómez Noya: "Síntome un privilexiado polos títulos, pero sobre todo polos momentos que vivín"

O galego Javier Gómez Noya, a pasada fin de semana, no Tríatlon Cidade de Santander, onde logrou o seu último triunfo profesional. (Foto: Javier Theilacker)
Javi Gómez Noya (Basilea, Suíza, 1983), toda unha lenda do deporte galego e mundial, anunciaba esta mesma cuarta feira a súa retirada. Cun palmarés envexábel despois de 26 anos competindo no máximo nivel, o triatleta de 41 anos avanzaba a través das súas redes sociais que colgará as zapatillas ao finalizar a presente tempada. 'Nós Diario' entrevístao para facer balance dos seus múltiples logros.

Cinco veces campión do mundo, prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, catro veces campión de Europa, número 1 do ránking internacional durante nove tempadas... Javier Gómez Noya retírase aos 41 anos cun brillante palmarés.

—Que pensa ao botar a vista atrás?
Penso que tiven unha carreira moi bonita. Síntome un privilexiado polos títulos, pero sobre todo polos momentos que vivín, tanto os bos como os malos. Todos eles forman parte da miña traxectoria. Eu estou moi orgulloso, síntome pleno. Foi un camiño espectacular e cuns resultados moito mellores do que imaxinaba cando comecei neste deporte.

—Desa extensa carreira, chea de éxitos, con que momento queda?
Quedar cun só é complicado. A medalla olímpica de Londres podería ser un pola carreira que fixen; rendín a moi bo nivel. Tamén o Mundial que gañei o ano seguinte, naquel sprint con Jonathan Brownlee.

—Falando desa medalla, que sentiu ao gañar a prata en Londres?
Foi un dos meus grandes triunfos. En Pequín 2008 quedara cuarto e non fixera unha boa carreira. Quedara moi desilusionado despois desa experiencia olímpica. En Londres creo que, aínda que non gañei o ouro, fixen a mellor carreira para a que estaba capacitado. Había outro atleta que estaba mellor ca min [Alistair Brownlee], eu non podía facer máis. Non cometín erros, competín ao meu máximo nivel e foi importante para min ser o primeiro en conseguir unha medalla para o tríatlon do Estado español.

Javier Gómez Noya. (Foto: Javier Theilacker)

—Vostede gañou cinco mundiais… ten unha 'espiña cravada' por non lograr o ouro olímpico?
Non é que teña unha espiña cravada, aínda que por suposto me gustaría gañalo, pero as circunstancias foron así. En Rio 2016 tiña unha moi boa oportunidade, cun circuíto que se adaptaba moi ben ás miñas características, o mesmo no que xa gañara o ano anterior... Pero unha lesión impediume participar. Non tiven a mellor das sortes. Para calquera deportista, sempre hai algunha proba que che gustaría gañar e non gañaches, pero en xeral estou satisfeito.

—Cal foi o momento máis duro da súa carreira deportiva?
Momentos duros hai moitos. A caída que me provocou a lesión xusto antes dos Xogos de Rio e que me impediu participar foi un deles. Probabelmente o máis duro.

—Comezou xogando ao fútbol, pasou á natación e de aí ao tríatlon. En que proba das que conforman este deporte se ve máis cómodo?
Si, comecei como nadador e penso que acabei por conseguir un bo nivel nas tres disciplinas. Quizais no meu mellor momento a carreira a pé era onde mellor me atopaba e onde marcaba a diferenza.

—Falamos do eido físico, pero que papel xoga o apartado mental?
O mental é fundamental á hora de afrontar os adestramentos, as competicións, para controlar as emocións en probas con presión… Iso tamén se adestra e mellora coa experiencia. Lembro que, nos meus inicios, púñame máis nervioso naquelas probas con pouca transcendencia que despois nos mundiais. Ao final a presión é relativa, é a que un se impón.

—Como deportista profesional dunha disciplina como o tríatlon, como era o seu día a día? Tentará manter ese ritmo de adestramentos?
Durante moitos anos o meu día a día xiraba arredor do tríatlon. Non contaba nin as horas que adestraba porque todo o día consistía niso, xa fose cumprir co propio adestramento, coa alimentación, co descanso… É unha vida na que a dedicación ten que ser plena. Pero creo que en calquera eido da vida, se queres ser o mellor do mundo, tes que dedicarlle todo o teu esforzo, porque se ti non o fas haberá outro que o faga. Por iso, manter un equilibrio emocional e persoal con todas esas exixencias é complicado. Eu fíxeno o mellor que puiden. Agora aínda que seguirei adestrando porque é o que me gusta, pero con tranquilidade. Non terei ese estrés e exixencia de competición. Ter que adestrar con dor, cando tes un mal día…

—En que momento toma a decisión de retirarse?
Non hai un momento concreto. Foi algo progresivo que empecei a pensar, valorándoo coa idade. Tamén está o factor físico, xa que comecei a ter máis lesións e máis problemas para alcanzar o nivel que quería para ser competitivo a nivel mundial. Mentalmente comecei a estar máis fatigado, xa non tiña a mesma ilusión pola competición. Ao final é unha suma de factores a que me leva a decidir que o mellor é dar un paso ao lado. Tranquilo con todo o que conseguín e orgulloso da miña carreira deportiva.

Javier Gómez Noya, en Pontevedra. (Foto: Europa Press)

—Hai algo que botase de menos como profesional e que agora, unha vez retirado, poderá facer?
Eu estaba facendo o que me gustaba, non hai nada que botase moitísimo de menos. Gústame tocar a guitarra, así que agardo ter algo máis de tempo para facelo. Pero sobre todo ter tempo para estar coa miña xente, coa miña familia, a miña filla… Poder dedicar máis tempo aos meus.

—Hai tempo que entrou na historia do tríatlon. Como lle gustaría que o lembrasen?
Simplemente como un triatleta que amaba o seu traballo e que fixo as cousas o mellor que puido e soubo. Como alguén que respectou aos seus compañeiros e rivais. Os  deportistas de elite facemos o que é o noso traballo o mellor que podemos, e eu espero que sirva de inspiración para xeracións futuras. Con iso terá pagado a pena.

Pasado, presente e futuro do tríatlon galego, ao que Noya seguirá ligado

Este 2024 fixo 12 anos o primeiro dobrete mundial do tríatlon galego. O 4 de xuño de 2012, no Campionato do Mundo, decorrido en Madrid, Javier Gómez Noya e Iván Raña conseguían o primeiro e segundo posto, respectivamente. Raña, considerado un dos pioneiros do tríatlon na Galiza, conta tamén un palmarés envexábel: tres medallas de Mundiais, tres Europeos, dous diplomas olímpicos…

—Que foi para vostede Iván Raña?
Iván foi e segue a ser un referente. Para min e para moitos triatletas que vimos detrás del. El foi quen abriu as portas. Fíxonos crer que un rapaz dunha vila da Galiza podía tamén competir contra os mellores do mundo e ser incluso o mellor. Eu tiven a sorte de adestrar con el, sobre todo na miña etapa de formación. Estoulle eternamente agradecido e teño unha gran relación con el. Para min é unha persoa moi especial.

—Como ve o futuro do tríatlon galego?
Hai boa canteira na Galiza. Cando son tan novos é complicado dar nomes, pero eu vexo que Candela Sánchez ou Lucas García están nun bo nivel e aínda son moi novos, polo que teñen marxe de mellora para chegar alto no futuro.

—A que ten pensado dedicarse agora?
Quero seguir vencellado ao tríatlon. Teño sorte, os meus patrocinadores queren seguir colaborando comigo de diferentes maneiras. Hai tamén un proxecto coa Federación que a ver se vai adiante. O que é seguro é que seguirei dunha maneira ou doutra ligado a este deporte.