París 2024

Xornada de éxitos para o judo galego: Fran Garrigós e Laura Martínez, a semifinais

Garrigós contra Verstraeten. (Foto: RTVE)
Ambos os judokas competirán na tarde deste sábado polas medallas no Champ de Mars Arena de París.

Non sen sufrir, pero o judoka Fran Garrigós pasou a primeira hora desta mañá a cuartos de final. O sorteo do cadro deixárao directamente nos oitavos de final da categoría -60 kg, onde se vería co gañador do enfrontamento entre o salvadoreño Jaime Moreno e o belga Jorre Vestraeten, que resultou vencedor. Un waza-ari deulle o triunfo a Garrigós no punto de ouro.

O seu seguinte rival foi o xaponés Ryuju Nagayama, capión asiático en 2022 e bronce mundial en 2018 e 2019, que superou nos oitavos de final o brasileiro Michel Augusto. E cun fantástico traballo no chan conseguiu o ansiado pase a semifinais que o mete na loita polas medallas desta mesma tarde. Enfrontarase ao kazako Yeldos Smetov.

E no caso de superalo, na final mediríase co vencedor do cruce entre un dos anfitrións, o francés Luka Mikheidze, e o turco Salih Yildiz.

Laura Martínez

E sobre o tatami pasou poucos minutos despois Laura Martínez, judoka que tamén compite con licenza galega, que deu a segunda boa nova da mañá: estará en oitavos de final do -48 kg feminino após vencer a chilena Mary Dee Vargas cun excelente traballo no chan. Gañou tamén con waza-ari.

En oitavos Martínez enfrontouse á serbia Milica Nikolic, vencedora do primeiro combate ante a eslovena Marusa Stangar e unha das grandes rivais a bater nestes Xogos. A súa rival en cuartos foi Abiba Abuzhakynova, de Kazakhstán, bronce mundial este ano. Pero Martínez volveu sorprender o público de París e demostrou a súa superioridade no tatami.

Nas semifinais terá fronte a ela un dos ósos máis duros de roer nestes Xogos: a actual campioa do mundo nesta disciplina, a mongola Bavuudorzhiin Baasanjüü. Na outra semifinal compiten a sueca Tara Babulfath e a xaponesa Natsumi Tsunoda.