A Lalín Bike Race volve acoller o Campionato de España de Maratón

A ciclista Natalia Fischer. (Foto: SCS).
Agárdanse máis de 430 corredoras e corredores no percorrido.

Tras organizar o Campionato de España da modalidade en 2021, a Lalín Bike Race volverá ser a encargada de acoller este domingo, día 23 de xuño, a edición 2024 do estatal de XC Maratón.

Baixo a organización do Extol MTB Team e o Club Montes do Deza, a proba realizarase na capital do Deza, e contará de partida con máis de 430 corredores e corredoras dispostas a completar un esixente circuíto de 95 quilómetros con máis 2.800 metros de desnivel para a categoría masculina e 86 quilómetros e 2.600 metros de desnivel para as mulleres. 

"Será un percorrido moi físico que porá a proba a súa resistencia", tal e como apuntou a Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), quen explicou que o disparo de saída escoitarase ás 9.30 horas da mañá na Praza da Galiza de Lalín.

Entre os grandes nomes para alzarse co título na categoría masculina cabe destacar a presenza do campión das últimas dúas edicións, Sergio Mantecón, quen tratará de revalidar a súa coroa ante ciclistas do talle de Roberto Bou, Sergio Gutiérrez, Ismael Esteban, Juan Luis Pérez, Manuel Cordero, Pau Marzà, Pablo Rodríguez, Miguel Muñoz ou Francisco Herrero, entre outros.

Pola súa parte, entre as mulleres aparecen competidoras do nivel de Natalia Fischer, Tessa Kortekkas, Meritxell Figueras e María Pilar Fernández, ás que se unirán especialista en ciclocrós como a campioa de España Lucía González ou Sofía Rodríguez.

Tripla cita para a selección galega

Na Lalín Bike Race a selección galega estará representada por sete competidoras, mais a Irmandiña de ciclismo terá que dividir efectivos, pois paralelamente participará co Estatal Sub-23 en estrada con oito homes e no MTB Estella-Lizarra con 15 competidoras.