A Liga F botará a andar o 8 de setembro e rematará en maio

Irene Ferreras é a adestradora do Deportivo. (Foto: RC Deportivo).
O sorteo do calendario será "en próximas datas".

O Consello Superior de Deportes (CSD) vén de aprobar o calendario proposto polos clubs de Liga F, denominación oficial da máxima categoría do fútbol feminino estatal, para a inminente tempada 2024/2025, resolvendo que a competición conclúa o 18 de maio de 2025,  xusto antes da disputa das finais da UEFA Women's Champions League (UWCL) e da derradeira rolda da Copa da Raíña.

Así, o CSD informou da súa decisión e resolveu a favor da proposta aprobada polos clubs de Liga F na súa Asemblea Xeral, que se levou a cabo o pasado 28 de xuño. 

"A Primeira División arrancará a fin de semana do 7-8 de setembro, e non contará con ningunha xornada intersemanal, excepto cando proceda a recuperación dos partidos aprazados por coincidencia coa Champions League", indicou Liga F nun comunicado dirixido aos medios de comunicación.

A través desa canle, a patronal -que continúa presidida por Beatriz Álvarez- sinalou que tanto a Liga F como a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) "están en coordinación para determinar a data de realización do sorteo de emparellamentos" do devandito campionato ligueiro, o cal "terá lugar en próximas datas".

O Dépor continúa a súa preparación ante o Eibar

A Galiza estará representada no bombo a través do Real Club Deportivo, que en abril de 2024 certificou o seu regreso a Primeira tres anos despois de perder a categoría.

Dirixida pola mesma muller que estivo á fronte do cadro de xogadoras en Segunda División, Irene Ferreras, o feminino branquiazul continúa a súa preparación logo das derrotas ante o Braga (1-0) e o Sporting de Portugal (3-2) o 31 de xullo e o 2 de agosto, respectivamente, e a vitoria sobre o Athletic de Bilbao por 2 a 1 o sábado 10 de agosto no Trofeo Teresa Herrera.

Será no marco dun encontro amigábel fronte o Eibar vasco o vindeiro sábado, 17 de agosto, no campo de Unquera (Cantabria). Este duelo contra o conxunto armeiro é o penúltimo compromiso de pretempada para a escuadra deportivista, baixando o pano do fútbol non oficial unha semana máis tarde, concretamente no III Torneo Cidade de Salamanca, onde colidirá con outro futuro rival na Liga F, o Valencia.