Lucas Pérez consuma o ascenso dun Dépor que aproveitou o primeiro 'match ball'

O xogador do Dépor, Lucas Pérez (Foto: Dépor).
Lucas Pérez consuma o ascenso do Dépor cun gol histórico

Un gol de Lucas Pérez no minuto 57 ante o filial do Barcelona deu o ascenso ao Deportivo nunha vitoria do conxunto coruñés pola mínima. Tras un primeiro tempo con menos ocasións, o Dépor saíu ao ataque nunha segunda metade na que foi dono dun histórico partido que devolve a escuadra herculina ao fútbol profesional.

Milleiros de seareiros e seareiras agardaron polo autobús do Dépor para dar a benvida aos xogadores ao estadio de Riazor. O clima festivo xa auguraba que esta xornada ía ser histórica para o conxunto herculino, algo que finalmente aconteceu.

A ledicia tornou en loucura ao rematar o encontro, cos xogadores tomando a palabra para arengar a un Riazor saltando como había tempo que non o facía. Mentres tanto, unha enorme masa de xente comezou unha intensa festa desde aos arredores do estadio nunha fan zone ateigada.

Coa súa vitoria este domingo ante o FC Barcelona Atlètic (1-0) nun abarrotado Riazor, o RC Deportivo certificou o seu regreso ao fútbol profesional cando aínda quedan dúas xornadas para a conclusión do campionato de Primeira Federación.

Un gol de falta directa de Lucas no minuto 57 serviu aos branquiazuis para derrotar ao filial azulgrana e sumar 74 puntos, inalcanzábeis xa para o seu inmediato perseguidor, o seu rival deste domingo, segundo clasificado con 67 puntos.

O cadro deportivista festexou o éxito a noite este domingo con todo o deportivismo na Dépor Fan Zone xunto ao Palacio de Deportes de Riazor.  A segunda feira será quenda dos actos institucionais, que se desenvolverán ao longo da xornada.

Ás 11 horas terá lugar a recepción na sede da Deputación da Coruña polo presidente Valentín González Formoso. Ás 13.30 horas, recepción do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. Despois da comida, ás 17 horas, continuarán os actos oficiais na coruñesa Rúa Nova.