Lydia Pérez competirá nos Xogos do Mediterráneo en Loita Praia
Lydia Pérez Touriño viaxará hoxe aos Xogos do Mediterráneo que se realizarán en Orán (Alxeria) para participar na proba de loita praia. A pontevedresa competiu esta fin de semana no II Ranking Series Mundial desta modalidade deportiva no areal de Silgar, en Sanxenxo, onde conseguiu a medalla de bronce.
Na súa actuación cedeu no último segundo no seu combate polo pase á final fronte á ucraína Yuliia Kremezna Malyk, que ao remate sería a campioa. Pérez quedou relegada á loita polo bronce que gañou fronte á outra representante ucraína, Olena Nikitinska.
Pola súa parte, a galega Noelia Lalín Canda (Club Keltoi de Vila de Cruces) foi a gran triunfadora da representación estatal mesa competición ao conseguir a medalla de prata na categoría de +70 kg. Noelia Lalín venceu os tres combates previos á súa final, onde caeu fronte á ucraína Liudmyla Pavlovets Tychyna, raíña desta categoría de peso.
Alén desta participación, Cora Ayude Pallas, da Escola Ayude de Santiso, deu a sorpresa da xornada ao vencer en primeira rolda á romanesa e actual campioa do mundo de loita praia, Catalina Axente. Finalmente en semifinais, Cora Ayude caeu diante a Noelia Lalín (2ª clasificada) e non puido conseguir o bronce contra a campioa Pavlovets.
Pablo García cae en semifinais na masculina
Na proba masculina, o galego Pablo García clasificouse para semifinais na fase de grupos e caeu en semifinais contra o español Mohammad Motaghinia, que finalmente foi subcampión da categoría de -80 kg, relegando a Pablo García á Loita polo bronce.
Pablo García non puido superar no bronce ao Xeorxiano Nika Kentchadze. Na clasificación final por equipos, a selección española feminina quedou segunda clasificada e a masculina terceira.