París 2024 | Vela

Mal comezo para Echegoyen e Barceló, décimo novenas no 49er FX

A regatista Tamara Echegoyen. (Foto: Europa Press)

Moito terán que mudar as cousas para que a galega poida meterse nesa pugna pola que sería a súa segunda medalla olímpica após o ouro conseguido en Londres 2012 no Elliot 6m.

A regatista ourensá Támara Echegoyen, a abandeirada do COE na cerimonia de apertura canda o padexeiro balear Marcus Cooper, non tivo a estrea agardada nestes Xogos Olímpicos de París, no seu caso competindo a 700 quilómetros de distancia da capital francesa, na cidade portuaria de Marsella.

Echegoyen, que comparte embarcación coa mallorquina Paula Barceló no 49er FX, rematou o primeiro día de competición, con tres regatas este domingo, na décimo novena posición —penúltima—, superando na clasificación xeral unicamente a parella de Nova Zelandia conformada por Jo Aleh e Molly Meech.

A embarcación da galega cruzou a liña de meta na primeira regata como penúltima, 2 minutos e 19 segundos despois da gañadora, a das irmás canadenses Georgia e Antonia Lewin-Lafrance.

Na segunda escalou até a décimo quinta posición, se ben cruzou a meta cun tempo 3 minutos e 28 segundos peor que o das primeiras clasificadas, as neerlandesas Odile van Aanholt e Annette Duetz, primeiras tamén na terceira e última regata e na clasificación xeral ao remate da xornada.

E nesa terceira regata Echegoyen e Barceló foron décimo cuartas, a 1:43 das regatistas de Países Baixos. Só pasarán á loita polas medallas da quinta feira 1 de agosto as dez mellores embarcacións, e moito terán que mudar as cousas para que a galega poida meterse nesa pugna pola que sería a súa segunda medalla olímpica após o ouro conseguido en Londres 2012 no Elliot 6m.