Fútbol | 1ª División

A PREVIA | A permanencia do Celta pasa por Vigo... e Sevilla

O partido da primeira volta entre vascos e galegos rematou cun espectacular resultado de 4-3 a prol da escuadra bilbaína. (Foto: LFP).
Se gaña ao Athletic e o Cádiz perde no Pizjuán, o conxunto celeste seguirá na elite.

O Real Club Celta de Vigo fai números para fechar, dunha vez por todas, unha permanencia que se lle resiste. Os resultados da semana pasada -derrota celeste contra o Atlético de Madrid no Calderón e triunfo da escuadra que marca o limiar do descenso, o Cádiz, fronte o Xetafe- reduciron a diferenza entre galegos e andaluces a cinco puntos cando restan unicamente nove por disputar.

As contas, logo, están claras. Se o conxunto dirixido por Claudio Giráldez logra derrotar esta cuarta feira (Balaídos, 22 horas) o Athletic de Bilbao e o Submarino Amarelo non é quen de facer o propio co Sevilla no derbi andaluza que se levará a cabo ás 19.30 horas no Sánchez Pizjuán, será de Primeira División durante un ano máis.

Consciente da transcendencia do encontro cun Athletic que non se xoga nada, pois os Leóns teñen practicamente imposíbel acceder a uns postos de Champions League dos que están separados por oito puntos e, ao mesmo tempo, teñen idéntico colchón sobre os seus perseguidores para xogar a Europa League, a afección fixo un chamamento a apoiar o equipo antes e durante o partido.

Así, tanto a Federación de Peñas Celtistas como a coordinadora da Bancada de Animación confirmaron que ás 20.15 protagonizarán un recibimento aos xogadores e corpo técnico celeste  -o segundo da tempada, logo do realizado no choque copeiro fronte a Real Sociedade- na súa chegada ao coliseo olívico para, nas súas propias palabras, "marcar o primeiro gol que certifique a permanencia".

Alí, tanto seareiras e seareiros como os futbolistas terán ao seu favor a confianza -ou a presión- que outorga saber o resultado do seu rival directo, o Cádiz, e os dos outros bloques inmersos na batalla polo descenso: Raio Vallecano -cun punto máis que o Celta, recibirá o Granada en Vallecas ás 19.30 horas-, o Mallorca -empatado a 35 puntos co Raio, visitou na noite de onte o sempre complexo campo de Osasuna, nun duelo que rematou fóra do horario de fechamento desta edición- e As Palmas, que colide ás 18.30 da quinta feira nas Afortunadas co Betis coa tranquilidade que lle outorgan os seus 37 puntos.

Continúa o 'meigallo' de Ristić, baixa outra vez

A parroquia celtista tiña moitas esperanzas depositadas nunha das súas fichaxes deste verán, o lateral esquerdo serbio Mihailo Ristić, que chegou a Vigo procedente do Benfica portugués. Non obstante, as constantes lesións privárono da continuidade que precisa todo futbolista, participando en só 15 encontros entre Liga e Copa do Rei. A última, foi unha escordadura no nocello do seu pé dereito que lle impedirá ser da partida fronte o Athletic. 

Polo contrario, os nomes de Carles Pérez e Williot Swedberg xa non apareceron no último parte médico do Celta, polo que Giráldez podería recuperar o seu poderío ofensivo para tratar de derrubar a barreira defensiva do Athletic de Bilbao, aínda que a súa titularidade sería toda unha sorpresa.

Así, a portería estará ocupada, unha vez máis, polo home máis en forma do cadro de xogadores, Vicente Guaita; na defensa, Giráldez podería apostar de novo por unha liña de tres centrais formada por Unai Núñez, Mingueza e o sueco Carl Starfelt; os carrís, zona de especial importancia e desgaste na táctica 3-4-3 que habitualmente formula o preparador, serían para Hugo Álvarez e Manquillo; o centro do campo, cousa de Fran Beltrán e Jaílson; con Bamba, Larsen e Iago Aspas na parcela ofensiva.