Borja Iglesias, un galego que pode levantar hoxe a Europa League

De gañar, o dianteiro sumaría o seu segundo título co Bayer. (Foto: AFP7 / Europa Press).
O seu Bayer Leverkusen colide co Atalanta italiano na finalísima.

A segunda competición máis importante do fútbol masculino a nivel continental, a UEFA Europa League, dilucidará ás 21 horas desta cuarta feira no Dublín Arena da capital irlandesa quen sae campión dunha finalísima na que aspirarán a levantar o trofo o Atalanta e o Bayer Leverkusen.

Neste último conxunto milita un xogador galego, Borja Iglesias, quen xoga no conxunto xermano en calidade de cedido polo Real Betis desde o pasado mes de xaneiro.

Con todo, non entra nos plans unha titularidade do compostelán no once inicial escollido polo seu técnico, Xabi Alonso, pois desde a súa chegada ao Leverkusen apenas contou con oportunidades, participando en tan só nove encontros, dous deles da Europa League, a ida e a volta dos oitavos de final fronte o Qarabağ azerí.

A CIG fai un chamamento a apoiar a Irmandiña

A Confederación Intersindical Galega (CIG) fai un chamamento para apoiar a selección galega no partido que a enfrontará con Panamá ás 20 horas do próximo 31 de maio, sexta feira, no Estadio Municipal de Balaídos (Vigo).

"Vía Galega, plataforma da que a CIG forma parte, anima a participar dando forza á Irmandiña desde a bancada de animación", indica o sindicato, lembrando que "o numero de boletos é limitado e que o prazo para reservar e pagar remata a cuarta feira ás 20 horas". Ademais, tamén recorda que ás 18.30 horas, con saída na Praza de América de Vigo, terá lugar unha manifestación "pola oficialidade das seleccións galegas", e que aínda hai tempo para participar na recollida de sinaturas online que está levando adiante Vía Galega para reclamar o dereito a competir internacionalmente das seleccións deportivas galegas. 

Nico Serrano, baixa toda a tempada 2023/24

A expresión empregada neste tituliño pode soar moi grave en outubro, decembro ou febreiro, pero non o é tanto cando restan tan só dous partidos para o final ligueiro. Os servizos médicos do Rácing de Ferrol confirmaron esta terza feira que o atacante Nico Serrano padece unha rotura fibrilar no bíceps femoral da súa perna esquerda, o que significa que será baixa durante catro semanas e, polo tanto, non volverá pisar o terreo de xogo cos Diaños Verdes no que resta de tempada 2023/24.