París 2024 | Slálom

Manu Ochoa imponse na súa serie do caiac cross e entra voando en cuartos de final

O tomiñés Manu Ochoa, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O tomiñés competirá na seguinte rolda esta segunda feira, nunha frenética tarde na que tamén se disputarán as semifinais e a final.

Chegou a hora da verdade no caiac cross. Das series clasificatorias deste domingo, onde se enfrontan un total de 32 padexeiros de catro en catro, só poden pasar a metade aos cuartos de final que se disputarán esta segunda feira —así como as semifinais e a gran final—. E o tomiñés Manu Ochoa, que partía nunha segunda manga nada sinxela canda o catalán Miquel Travé, o irlandés Liam Jegou e o checo Jiri Prskavec, non defraudou.

Ochoa chegaba como aparente favorito despois de facer o décimo mellor tempo de entre os 38 participantes da contra o reloxo da sexta feira e gañar este sábado a súa manga eliminatoria, pero sabedor de que Travé non sería un rival doado. Pero desde a caída da rampla saíu como un foguete, demostrando que ese é un dos seus fortes, e conseguiu ficar á cabeza desde o inicio da proba.

Acabou cruzando a meta cunha ampla distancia sobre os tres contricantes, enleados na oitava e derradeira porta, que o galego sorteou moi ben, e Miquel Travé foi penalizado por saltala e rematou último. Tamén quedou eliminado Jegou, terceiro, e a Ochoa acompañouno no pase a cuartos Prskavec.

O propio padexeiro checo será un dos seus rivais na primeira manga dos cuartos de final, nunha serie especialmente complicada na que tamén deberá enfrontarse ao actual número un do ránking mundial e ouro en Rio 2016 no K1 individual de slálom, o británico Joseph Clarke, e ao eslovaco Jakub Grigar.