París 2024 | Slálom

O tomiñés Manu Ochoa voa na carreira contra o reloxo de caiac cross

O tomiñés Manu Ochoa, esta sexta feira, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)
O padexeiro rematou esta proba inaugural co décimo mellor tempo de entre un total de 38 participantes.

Inmellorábel estrea olímpica para Manuel Ochoa na novidosa proba de caiac cross que tamén debuta en París. O padexeiro tomiñés saíu a por todas na carreira contra o reloxo coa que a competición deu comezo esta sexta feira no estadio náutico de augas bravas de Vaires-sur-Marne e completou o circuíto cun tempo de 68.66 que o situou décimo de entre un total de 38 participantes. Este sábado comezan as roldas eliminatorias.

O vencedor desta proba inaugural foi o británico Joseph Clarke, que parou o crono no seu descenso en 66.08, seguido do brasileiro Pedro Gonçalves (66.41) e o francés Titouan Castryck (67.29). Aliás, o catalán Miquel Travé foi undécimo (68.70), xusto por detrás de Ochoa.

E unha vez concluída a contra o reloxo a organización deu a coñecer a composición de cada manga na primeira rolda eliminatoria que se disputará este sábado a partir das 16.40 horas, un total de once nas que os dous primeiros pasarán directamente á seguinte fase e o resto terán unha segunda oportunidade na repesca (tamén o sábado, a partir das 18.45 horas). O galego quedou encadrado na décima carreira co checo Jiri Prskavec, que foi vixésimo primeiro esta sexta feira; o canadense Alex Baldoni, vixésimo cuarto, e o polaco Grzegorz Hedwig.

Manu Ochoa conseguiu o billete a París o pasado xuño na Copa do Mundo de Praga, onde se proclamou campión desta nova disciplina do piragüismo slálom que debuta nestes Xogos Olímpicos. De cada rolda eliminatoria irán quedando os dous primeiros clasificados até chegar á gran final. No circuíto deben superarse até oito portas, seis a favor e dúas en remonte, e a diferenza doutras probas de slálom aquí o contacto coas portas e con outras embarcacións si está permitido —mais saltar unha porta supón a descualificación—.