Manzaneda acollerá o primeiro Campionato Galego de 'pickleball'

Partido mixto de 'pickleball'. (Foto: RFET).
O evento está programado o 7 e o 8 de setembro.

A -polémica- presenza do breaking nos Xogos Olímpicos que veñen de baixar o pano o pasado domingo en París volveu situar o foco sobre novas e emerxentes disciplinas deportivas, sendo unha delas o coñecido como pickleball, modalidade da que disputará o vindeiro mes de setembro o seu primeiro Campionato Galego.

O pickleball é un deporte que se practica cunha peculiar raqueta ríxida de superficie lisa e unha pelota de plástico perforado nunha pista das mesmas medidas que a que se emprega no bádminton, coa única diferenza de que a liña que delimita a zona de 'non volea' está a 2,13 metros da rede.

Orixinario dos Estados Unidos de América, a popularidade que ostenta actualmente no seu país natal -onde pasou de dous millóns de practicantes a 50 en 10 anos- xa chegou a Europa, sustentando ese éxito nas súas escasas barreiras de entrada, pois as regras son similares ás do tenis e a súa moderada esixencia física permite que o practiquen desde crianzas até a terceira idade.

Isto levou á Federación Galega de Tenis (FGT) a crear un certame nacional que desenvolverá a súa primeira edición na estación de Manzaneda (Terra de Trives) entre os días 7 e 8 de setembro.

Para participar "o único preciso será unha licenza de tenis", pois o resto do material "será proporcionado pola organización", sendo a data límite para completar a inscrición nunha proba que repartirá 2.400 euros en premios o 1 de setembro, di a FGT

Anna Rogers avanza no torneo Cidade de Ourense

Sen deixar de lado a actualidade do tenis, onte levouse a cabo a segunda xornada do Trofeo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Ourense, onde a cabeza de serie número 1 do torneo, a estadounidense Anna Rogers, venceu Carmen López na segunda rolda.