María Luisa Barros, espeleóloga: "Isto antes era un deporte moi masculinizado e agora non"

A espeleóloga adestrando en TPV. (Foto: Mara Matos).
Hai deportes que gardan tesouros no seu interior e que teñan algo de aventura. A espeleoloxía é un deles. Na Galiza contamos con moi bos exemplos do alto nivel que se conseguiu nesta disciplina ao longo dos anos sen moitos recursos económicos. Un deles é o da nevense María Luísa Barros Rodríguez.

Como chegou á espeleoloxía?

Era unha rapaza nova e gustábame facer sendeirismo. Coñecín a un grupo de xente en Vigo que o practicaba e convidáronme a un campamento e unha entrei nunha cova moi fácil no Courel a de Ceza. É moi bonita, cun lago dentro e paseino moi ben. É perfecta para iniciarse. A segunda, a do Rei Cintolo en Mondoñedo, tiña máis dificultade mais vin que este deporte gustábame. Decidín ingresar no Club Aradelas e desde aquela sigo.

A espeleoloxía, ademais de ser un deporte, ten un compoñente científico. Como se conxugan eses dous ámbitos para quen o practica?

Van xuntos e da man. Entras no mundo da xeoloxía, da bioloxía, da xeografía,... e tamén o da competición e mesmo a da exploración. Cada unha de nós buscamos unha especialización mais iso non impide que haxa deportistas que lles guste unha rama que outra. Moitas persoas rematan no mundo da minaría ou da arqueoloxía. 

Falando de aventura. Quedan covas aínda por descubrir na Galiza?

Queremos pensar que si. Agora mesmo as zonas máis importantes son as do Courel, unha das que ten máis cavidades, a de Mondoñedo e tamén a da Serra da Lastra. Non son covas excesivamente grandes, chamámoslles pequerrechas, mais hai outras de desenvolvemento vertical, as simas. A maior parte das que temos non son moi grandes coa excepción da do Rei Cintolo que ten 6 quilómetros. En todo caso sempre hai descubertas, galerías novas que pensas que xa se descubriron.  

Foi a primeira muller recoñecida na Galiza de alto rendemento neste deporte por méritos competitivos. Como se chega a ese nivel?

Con moito esforzo. Houbo unha época na que se apostou moito polo tema da competición a nivel clubs e parecía que había máis xente, con máis recursos. Cando me chegou ese recoñecemento viña de competir no Campionato Europeo de Técnica de Progresión Vertical en Espeleoloxía e conseguir medallas. Axudoume a seguir competindo, algo que non podería facer se non tivera esa beca. Chegoume en 2012, xusto cando pensaba deixalo, e tíñao até 2015. Non puiden renovala por varias razóns, entre elas que na categoría feminina ás veces non chegamos aos requisitos de proporción aínda que teñamos os méritos deportivos. É complicado.

Notouse unha maior presenza de mulleres na espeleoloxía nos últimos anos?

Antes era un deporte moi masculinizado no que só había homes e agora non o é. Cada día hai máis mulleres que o practican. No tema da formación nesta disciplina tamén. Estamos medrando como deporte e en igualdade

A espeleoloxía é sempre un deporte de equipo?

Sempre é de equipo. Cando o practicamos sempre imos tres persoas, como mínimo, por seguridade. Sexan do mesmo club ou doutros que acordemos. Ademais notificamos previamente a saída e pedimos os permisos necesarios en cada  saída. Mesmo cando realizamos exploracións en covas no estranxeiro tomamos todas as precaucións. 

Por outro lado, aínda que en competición algunhas probas son individuais, precisas da axuda dunha compañeira ou un compañeiro. No ámbito deportivo somos un equipo, dá igual que as probas sexan de carácter individual.

Quédalle algún reto pendente por realizar no futuro na súa carreira deportiva?

Si, un campionato mundial. O ano pasado había un en Ronda e non puiden participar por culpa da pandemia. Houbo menos competicións como consecuencia da chegada da Covid-19 e non fun ao Europeo por ir ao mundial que ao final se anulou. Fálase de que este ano haberá unha reunión a nivel internacional e que o seguinte será en 2023, mais non suposicións.

Unha traxectoria inzada de éxitos

María Luisa Barros Rodríguez leva a espeleoloxía moi dentro. Membro do do Espeleo Club Aradelas e do Club Montañeiros Celtas desde finais de 1990, foi directora da Escola de Espeleoloxía da Federación galega até 2020. Realizou e organizou multitude de cursos e eventos para divulgar este deporte. Nestes anos descubriu e catalogou multitude de cavidades, tanto na Galiza como noutros territorios. A primeira vez que participou nun campionato de Técnica de Progresión Vertical (TPV) en 2006, bateu o récord de España en velocidade e trouxo con ela dúas medallas: un ouro e unha prata. Os éxitos continuaron e logrou en varias ocasións ser campioa de España ademais de colleitar medallas a nivel europeo. Este foi o motivo de que repetira como mellor deportista do ano desta disciplinado en varias galas organizadas da Federación.