ENTREVISTA | PARÍS 2024

Marta Bobo: "O minuto e medio da cinta nos Xogos foi o máis longo da miña vida"

Marta Bobo, co seu exemplar da 'Historia inacabada do deporte galego' de Nós Diario. (Foto: Vitoria Durán).
Marta Bobo (Ourense, 1966) é historia viva do deporte galego. Ximnasta rítmica, con apenas 18 anos converteuse en 1984 na primeira muller galega en participar nuns Xogos Olímpicos, onde as malas artes da organización estadounidense impedíronlle volver cunha medalla colgada do pescozo.

Campioa de España absoluta, Premio Raíña Sofía á mellor deportista estatal, finalista mundial e, sobre todo, olímpica. A figura de Marta Bobo é a dunha pioneira que escachou un teito de cristal que se estendeu durante máis de 60 anos.

—Revisar o palmarés da súa traxectoria deportiva impresiona, co engadido extra de que a súa condición de pioneira é tal que transcende mesmo as fronteiras da súa disciplina, pois nos Xogos dos Ánxeles de 1984 tornou na primeira muller da Galiza en disputar uns Xogos...
Foi unha época na que se conxugaron os astros. E os medios de comunicación tiveron moito que ver, porque había só unha televisión e comezou daquela a retransmitir campionatos.

—Cando e como desenvolve  o seu amor pola ximnasia?
En 1978 houbo un Campionato de Europa de ximnasia rítmica en Madrid, o primeiro de todos, e tivo un impacto enorme sobre min. Esas rapazas que vin competir, porque me levou Aurora Martínez, a miña adestradora e unha pioneira no desenvolvemento do noso deporte na Galiza, eran as miñas ídolos. Lembro estar na bancada, con 11 anos, e pensar "quero facer iso, eu quero estar aí". E dous anos máis tarde, con 13, xa estaba en Madrid.

—Cando Ivanka Tchakarova a recruta para a selección.
En 1980, despois dun Estatal, recibo a chamada da técnico búlgara Ivanka Tchakarova para ir á selección española, e como era moi pequena para ir á Blume [un Centro de Alto Rendemento para Deportistas] aloxeime cunha señora que vivía en Madrid. Logo, no 81, debuto no Campionato do Mundo substituíndo Sonia Conde, que era como unha irmá para min e que foi apartada polo seu peso, e logrei meterme nas finais e destacar moito coas mazas. Aí comezou o boom de Marta Bobo.

A organización dos Anxeles '84 arruinou o seu exercicio usando o  aire acondicionado

—E con el a presión.
Si. En 1982 Tchakarova deixa a selección e chega outra búlgara, Emilia Boneva. Daquela as ximnastas da antiga URSS e as búlgaras eran as mellores, pero aínda así conseguín metal na Brother Cup, un torneo que se fixo en Xapón e, en novembro, no Campionato do Mundo en Estrasburgo, conseguín a praza para os Xogos Olímpicos. E conste que rompera un dedo como mes e pico antes, e case todos os médicos de Madrid dicían que non chegaba, pero finalmente conseguín recuperarme e estar en Estrasburgo.

Logo foi o tempo da preparación para os Xogos Olímpicos dos Ánxeles, e desde xaneiro de 1984 a Federación Española dime que non podo seguir estudando para dedicarme exclusivamente á preparación do torneo. Aínda así, a Federación manobrou para deixarme fóra, tratando de poñer no meu lugar unha ximnasta madrileña ou catalá, chegando a dicir que tiña anorexia, o cal era mentira.

—Terrorífico.
A presidenta da Federación Española deume as costas e, debido a todos eses bulos que corrían, os meus pais presentáronse en Madrid e leváronme a unha clínica, onde lles dixeron que eu non tiña anorexia, senón un corpo dunha rapaza que adestraba oito horas cada día, nada máis. A presión foi tal que a Federación chegou a dicirlles que se eu viaxaba aos Ánxeles, volvería de alí nun cadaleito. Sentinme totalmente vulnerable, perdida, inmersa nunha loita constante porque non me arrebataran o posto.

—Con todo, puido facer realidade o soño americano cunha medalla, pois chegou a liderar a clasificación durante a primeira xornada, pero os ianquis decidiron facer algo nada habitual como é poñer o aire acondicionado a plena potencia durante o seu exercicio de cinta...
Gañou unha canadense, Lori Fung, que acabaría sendo a miña amiga, pero nin en pintora soñou nunca con obter o resultado que tivo, nin ela nin as americanas. Sen as búlgaras e as soviéticas, que boicotearon os Xogos, sabía que estaría pelexando coas romanesas por estar entre os tres primeiros postos.

E despois de facer a pelota e o aro ía de primeira, pero tiña moi claro que se non apagaban o aire acondicionado sería imposíbel facer ben o exercicio de cinta, porque o probara e era imposíbel. Non hai moito vin o vídeo en Youtube e produciume certa congoxa, era unha pelexa imposíbel, porque tiña a cinta enriba do corpo. E era moi inxusto, canto sufrín... foi o minuto e medio máis longo da miña vida.

Desde principios dos anos 90, bobo dedica a súa vida á docencia no INEF da Coruña

—Pese a tocar teito moi nova, non se converteu nun de tantos xoguetes rotos que xera o deporte. Ou iso só pasa nas modalidades onde se gañan cartos?
Eu era perfeccionista e buscaba medrar como persoa. Tamén foi fundamental o apoio dos meus pais. Así como outras compañeiras ían a institutos públicos nos que non tiñan en conta a nosa vida tan particular, de viaxar constantemente, adestramentos de moitas horas, perder clases... os meus pais fixeron un gran esforzo para pagarme un centro privado no que me facilitaron poder estudar ben o BUP e o COU.

Para min, sacar sobresaíntes sempre era a miña meta, pois pensaba no que nos dicía o meu pai a min e ás miñas irmás, "estudade moito e sacade boas notas para ser mulleres independentes e non depender de ningún home, para ter os vosos cartos e a vosa liberdade".

—Pouco despois recibiría outra puñalada da Federación Española e deixaría a súa terra durante máis dun lustro.
En 1985 disputábase o Campionato do Mundo en Valladolid, pero substituíronme por unha ximnasta de alí, descubrindo que me deixaban fóra a través dos xornalistas Matías Prats e María Escario, que me preguntaron "estás lesionada, non?", esa foi excusa que usaron. Así que, chegado novembro dese ano, como tiña boas notas, entrei no INEF de Madrid, pero axiña fun a unha estancia no Canadá que me distanciou aínda máis da Federación, polo que finalmente quedei a vivir en Toronto, onde me fixen adestradora, traballei co seu equipo nacional e fixen exhibicións por todo o país, incluso diante da raíña Isabel II.

—Tiña a súa vida no Canadá, pero a casualidade fixo que regresara á súa terra contra prognóstico...
En 1990 Fraga e Lendoiro entregaron unhas medallas aos olímpicos galegos en Compostela o 25 de xullo, e alí me comentan que querían un proxecto de Alto Rendemento para a Galiza, así que fago a maleta e comezo a traballar para facelo realidade, pero eu quería un proxecto ben montado e non había medios, así que decido regresar a Canadá para facer o meu doutorado cando, casualmente, recibo unha chamada ofrecéndome cubrir temporalmente unha materia no INEF de Oleiros. E até hoxe.

—Desde entón é docente na Facultade de Ciencias del Deporte y de la Educación Física de A Coruña  (INEF), onde imparte expresión corporal e danza. Ademais, compatibilizou esa tarefa coa investigación nas áreas de Rendemento deportivo e Muller, actividade física e Calidade de vida e coordinou o Grupo de Estudos de Xénero, Actividade Física e Deporte da UDC. Que salientaría desa faceta da súa traxectoria vital na que se vén desenvolvendo durante tantos anos?
É moito máis gratificante, resulta magnífico poder traballar do que che gusta, e a min a docencia encántame, é a miña profesión.

—Para rematar: o deporte feminino galego está vivindo un gran crecemento desde a entrada no século XXI, máis parece que ese progreso non está sendo tan importante na súa disciplina, a ximnasia.
A ximnasia galega necesita un Centro de Alto Rendemendo, dígoo así de alto e así de claro, fai falta un plan a longo prazo e investir a longo prazo, contar con adestradores especializados que teñan poucas ximnastas, etc. Onde teñen os mellores resultados? Onde teñen medios: en Catalunya, Madrid, León...