Meilán e Oleksandra entran na convocatoria do estatal de marcha de atletismo

Aldara Meilán coa prata (Foto: COI).
A Galiza achega dezasete atletas en Sub-16 e Sub-20 ao Campionato de España de Federacións de marcha en ruta.

A selección galega de atletismo continúa cos seus compromisos oficiais neste ano 2023. Logo do seu éxito no Campionato de España de Campo de través, transcorrido a finais de xaneiro, tócalle agora ao combinado galego de marcha Sub-16 e Sub-20 participar no Campionato de España de Federacións de marcha en ruta.

A cita será o vindeiro día 26 de febreiro na localidade murciana de Cieza e na convocatoria entraron dezasete atletas que competirán xunto ás mellores marchadoras e marchadores do Estado. 

Por categorías, salienta, en Sub-20, a presenza da lucense Aldara Meilán, que no pasado campionato disputado en Lepe lograba a medalla de bronce na categoría Sub-18.

Tanto Oleksandra Kostenko, da Atlética Lucense, como Natalia Rivas do Ría Ferrol, serán dúas das que repitan convocatoria, tendo por diante o difícil obxectivo de volver estar por seleccións nun podio nacional.

Con elas competirán, completando equipo, Andrea Cainzos, de La Mochila del Deporte, e a subcampioa galega, Noa Abelleira, do Lucus Caixa Rural.

Por parte masculina, estará o medallista Andrés González, do Celta, quen xa o ano pasado lograra un excelente quinto posto nesta mesma competición. Completan equipo, Pablo Sánchez, da Atlética Lucense, quen tamén repite, e o campión galego Nicolás Collazo, do Ames Atletismo.

Equipo de Sub-16

Polo que respecta aos equipos Sub-16 que viaxarán até Murcia, debutan a totalidade de integrantes da selección que estará liderada pola campioa galega, Alba Morales, do Marineda, e por Anxo Jamardo, da Ximnástica.

Defenderán desta vez tamén a camiseta galega, Natalia González, Icía Ares, Daniela Domínguez, Marta García-García, Diego García, Mateo Pérez e Nadir Moreira.