Mingueza perderá o partido ante o Atlético e é dúbida para o Girona

Manquillo volve estar dispoñíbel para o Celta de Giráldez.
O carrileiro catalán Óscar Mingueza. (Foto: RC Celta)
photo_camera O carrileiro catalán Óscar Mingueza. (Foto: RC Celta)

O Celta non poderá contar esta quinta feira, na visita a Balaídos do Atlético de Madrid, cun xogador imprescindíbel no esquema de Claudio Giráldez como é o carrileiro Óscar Mingueza, que tivo que abandonar aos poucos minutos o partido do pasado domingo en San Mamés por unha elongación do adutor esquerdo, se ben os servizos médicos descartaron esta terza feira a rotura.

O futbolista catalán, que será substituído previsibelmente ben por Marcos Alonso —quen ocupou o seu posto en Bilbao— ben por Sergio Carreira, realiza adestramentos individuais mentres se recupera da lesión, coa incógnita de se chegará a tempo para o choque do domingo, tamén no feudo vigués, ante o Girona.

A boa noticia para Giráldez do parte médico difundido esta terza feira polo Celta é que pode volver contar con Javier Manquillo, que completou a sesión co grupo e recibiu a alta unha vez superada a rotura fibrilar no adutor medio dereito que o afastara do terreo de xogo. O serbio Mihailo Ristic e o centrocampista estadounidense Luca de la Torre, pola súa parte, figuran aínda na listaxe de mancados.

Obrador (Dépor): "Hai que ir con tranquilidade"

Virando o foco cara á Segunda División, esta terza pasou pola sala de prensa de Abegondo o lateral esquerdo do Deportivo Rafa Obrador, que saíu de partida o sábado ante o Burgos pero tivo que retirarse antes de tempo por molestias musculares. Agora, porén, di estar xa "ao 100%" e afirma que a paciencia é "chave" neste deporte.

Preguntado polo estado anímico do vestiario dun equipo que fica en postos de descenso, sinalou: "É importante gañar, pero hai que ir con tranquilidade porque isto é moi longo. Sabemos que co traballo que facemos aquí os puntos chegarán".

Comentarios