A muller que denunciou Hugo Mallo ratifícase no xuízo por abusos sexuais

Hugo Mallo (de costas), declarando esta quinta feira. (Foto: Europa Press).
O futbolista negou por completo as acusacións.

O ex futbolista galego do Real Club Celta de Vigo, Hugo Mallo, compareceu esta quinta feira ante a Xustiza no Xulgado do Penal Número 2 de Barcelona acusado dun delito de abusos sexuais presuntamente cometidos o 24 de abril de 2019 xusto antes do comezo dun encontro que enfrontou a escuadra olívica co Real Club Deportivo Espanyol.

A muller denunciante, que nese momento portaba o disfrace de 'Periquita', a mascota do conxunto catalán, ratificouse na súa denuncia, sostendo que o lateral dereito tocoulle os peitos por debaixo do traxe.

"Esas mans non foron ás miñas mans, senón aos meus peitos", respondeu ás preguntas expostas pola Fiscalía, antes de engadir que tentou apartalo, que o insultou e que se colocou detrás do seu compañeiro buscando protección, totalmente "aparvada" e "descolocada", segundo as súas palabras.

A vítima explicou que a indumentaria que levaba aquel día consistía nunhas mallas e "unha cabeza moi grande cunha tea, unha especie de babeiro de gasa con voo", espazo que, segundo ela, o xogador aproveitou para meter ambas as mans e tocarlle os peitos.

"Sentín moita rabia e moito noxo", indicou, sostendo tamén que viu "unha mesma intencionalidade" no segundo xogador do Celta na fila, unha afirmación que a defensa de Mallo puxo en dúbida ao sinalar que tras o episodio denunciado "seguiu saudando" aos futbolistas, segundo figura nas imaxes tomadas no estadio e que se reproduciron durante o xuízo.

Hugo mallo, pola súa parte, negou os feitos indicando que "non estaba para bromas", que é o que pensou cando recibiu a denuncia. Non é do mesmo criterio unha Fiscalía que pide para el 24 meses de multa por un delito de abuso sexual por apreciar un "ánimo espurio" e "toda a intención" de tocarlle os peitos.