O 'Mundial' de Deporte Autóctono dispútase o sábado en Carballo

A presentación do certame tivo lugar esta quinta feira en Carballo. (Foto: Concello de Carballo).
As modalidades de chave e billarda, protagonistas do evento.

A Federación Galega de Deporte Autóctono (FGDA) organiza este sábado, 20 de xullo, na Praza do Concello de Carballo un 'Campionato de Seleccións' que definiu, segundo as palabras de David Castelo, secretario do organismo e responsábel da modalidade de chave, como "un Mundial", porque "aínda que é a nivel nacional, non hai nada semellante no plano estatal no eido da chave ou da billarda".

Este estivo acompañado no acto de presentación da competición polo presidente da Federación Galega, Antonio Varela Castiñeiras; un representante do deporte da billarda, Xosé Álvarez Collazo; o concelleiro de Deportes local, Daniel Pérez; así como do alcalde da capital da comarca de Bergantiños, Evencio Ferreiro.

"En Carballo vai estar o mellor do mellor", asegurou David Castelo durante a súa intervención, factor polo cal, para el, está "máis que garantido" un espectáculo que comezará ás 16.30 horas coa billarda, que enfrontará dous combinados da Galiza divididos xeograficamente: a Selección Norte e a Selección Sur. 

Unha hora máis tarde, ás 17.30, será a quenda da chave. O título de 'Mellor Equipo da Galiza' sairá do duelo que medirá a selección do Concello de Arteixo e o combinado da propia FGDA,  que estará formada, tal e como apostilou David Castelo, "por xogadores de localidades que non teñen suficientes xogadores para configurar a súa propia selección. "Algo que, por certo -revelou- non pasa en Carballo, onde hai até catro clubs de chave: Artesanías Padín de Carballo, Peña Bértoa, Teleclub Verdillo e Fergo de Cances".

Pola súa parte, o alcalde e o concelleiro de Deportes agradeceron a "elección" da súa cidade como sede desta proba de deporte autóctono e animaron tanto a veciñanza como a visitantes a gozar "dunha experiencia única".