O municipio de Taboada acollerá I Xuntanza de Marcha Nórdica

Alberto Fidalgo competindo en Almería, Andalucía (Foto: Nós Diario).
O subcampión mundial de marcha nórdica Alberto Fidalgo busca sumar eventos a este deporte no seu concello.

O municipio de Taboada (comarca de Chantada) acolleráeste sábado unha xuntanza de deportistas que practican a marcha nórdica. O responsábel da organización, que leva a cabo o propio Concello, é Alberto Fidalgo, membro do Club de Montaña O Cordal e explica a Nós Diario que a idea de iniciar este evento é “gozar da marcha nórdica en comunidade” e, ao mesmo tempo, fomentar a súa práctica na comarca. 

Alén diso, Fidalgo recoñece que pensou en propoñer esta actividade "para sumar eventos á marcha nórdica na Galiza" ante unha tempada que considera que é "moi curta" no que ten que ver co calendario competitivo actual.

Para este sábado, coas inscricións aínda abertas, ao feche desta edición había corenta deportistas confirmados “de clubs de toda Galiza”, puntualiza Fidalgo. A xornada non está dedicada a "persoas expertas" e si para "aquelas que o practiquen, aínda que sexa de cando en vez". Porén, quen teña intención de achegarse "vai ter que coñecer este deporte, polo menos nesta edición non temos pensado facer ningún curso de iniciación". Sen querer desvelar moito o programa, "haberá sorpresas asegura, si indica que comezará cunha actividade urbana, “para coñecer a vila” para seguir outra nun circuíto de terra. “Non vai ser competitivo, buscamos que cada quen vaia ao seu ritmo”, explica.

Subcampión do mundo

Fidalgo, de 36 anos, leva este deporte no sangue. Proclamouse en maio campión europeo desta disciplina no Europa Máster de Atletismo que se celebrou na Illa de Porto Santo, en Portugal. Cos seus 36 anos foi o primeiro da súa categoría, a M35. Ademais, hai quince días conseguiu o subcampionato mundial en Belchatów (Polonia) en categoría sénior.