París 2024 | Tríatlon

Ouro para Alemaña nun tríatlon mixto de infarto; o vigués Serrat, ás portas do diploma

Lasse Lührs e Laura Lindemann, do equipo alemán de tríatlon mixto, unha vez rematada a proba na que gañaron o ouro. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)
Na proba puidéronse medir a campioa da proba individual feminina, a francesa Cassandre Beaugrand —cuarta—, e o da masculina, o británico Alex Yee —terceiro—.

O equipo alemán de tríatlon venceu esta segunda feira na proba mixta deste deporte grazas a un espectacular sprint de Laura Lindemann nos metros finais do circuíto. Cando colleu a remuda para afrontar o último treito marchaba cuarta, por detrás de Gran Bretaña, Alex, Estados Unidos e Portugal e á par con Italia, se ben as diferenzas eran de poucos segundos.

Lindemann resistiu o ritmo das súas rivais na auga e coa bicicleta e recurtou distancias na carreira a pé para chegar á contorna da ponte de Alexandre III, onde se sitú a meta, na terna coa estadounidense Taylor Knibb e a británica Beth Potter, quen xa lograra o bronce na proba individual da semana pasada.

"Agora ou nunca", pensaría a xermana, que á volta da esquina para acceder á ponte deu o acelerón da súa vida, visibelmente fatigada pero coa intención de seguir aumentando o ritmo, para zafarse de Knibb e Potter, que acabaron cruzando completamente á par e foi preciso tirar de photo finish para determinar quen levaba a prata e quen o bronce. E por milésimas, o segundo posto foi para Estados Unidos.

Cuarta pero xa a máis distancia, a un minuto de Alemaña, rematou a Francia da campioa individual destes Xogos, Cassandre Beaugrand, que tivo a oportunidade medirse cara a cara —mais ela competindo coas mulleres dos diferentes equipos e el cos homes— co campión da proba masculina, Alex Yee. E quinta foi unha soberbia Portugal que asinou unha fantástica proba. Os outros tres diplomas olímpicos foron para os equipos de Italia, Suíza e Brasil —sexto, sétimo e oitavo, respectivamente—.

Ás portas de conseguilo quedou o Estado español, cun equipo composto polo andaluz Alberto González —oitavo no tríatlon individual—, a estremeña Míriam Casillas, a catalá Anna Godoy e o galego Antonio Serrat, que acabaron sete segundos máis tarde que as brasileiras. Dúas penalizacións de dez segundos a González no primeiro treito afastaron o equipo do diploma olímpico, que cruzou a meta a apenas sete de Brasil.

Bélxica, ausente... polo Sena?

Non participou neste tríatlon mixto o equipo de Bélxica, inicialmente inscrito para a proba, dada a ausencia por enfermidade dunha das súas atletas, Claire Michel, quen segundo a prensa do seu país contraeu a bacteria E.coli após nadar no río Sena no individual feminino da pasada semana e tivo que ser hospitalizada —leva catro días ingresada—.