París 2024 | Piragüismo

Pablo Crespo completa o pleno de éxitos do piragüismo galego no seu debut olímpico

O padexeiro Pablo Crespo, esta cuarta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: RFEP)

O padexeiro pontevedrés non conseguiu o billete ás semis na primeira rolda pero certificou o pase cunha soberbia regata na repesca que controlou de principio a fin.

Viaxaba a París con non moitas expectativas debido ao altísimo nivel que sabía que atoparía no seu debut olímpico no C1 1.000m, pero Pablo Crespo foi a por todas e arrasou para meterse nas semifinais. O padexeiro pontevedrés non tivo esta cuarta feira un bo comezo no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, onde quedoi encadrado na mesma manga clasificatoria que o vixente ouro olímpico, o brasileiro Isaquias Queiroz, e o campión mundial en 2023, o checo Martin Fuksa, que non tardaron en distanciarse do resto de competidores.

E Crespo, consciente de que non lles podería manter o pulso e que acabarían ocupando as dúas únicas prazas que daban o billete directo ás semifinais, avogou por dosificar esforzos e reservarse para a repesca. Acabou cruzando a meta último a 11 segundos de Queiroz, pero pouco ou nada importaba iso para o galego, que xa tiña a súa estratexia en mente.

E neses cuartos de final nos que precisaba de novo ficar entre os dous primeiros para pasar de rolda, e aos que chegaba co cuarto peor tempo dos cinco participantes, saíu como unha bala para se situar en cabeza e marcar distancia co resto. Só o italiano Carlo Tacchini foi quen de aguantar o seu ritmo.

Nos últimos 200 metros outro italiano, Nicolae Craciun, que chegaba a esta repesca co mellor tempo na rolda eliminatoria, pisou o acelerador para intentar alcanzar o pontevedrés, mais non cedeu e rematou a regata segundo cun tempo de 3:50.24, un segundo máis lento que Tacchini pero tres máis rápido que Craciun.